Prosegue a revolución cultural galega vencellada aos novos formatos. Desta volta é a quenda do escritor e xornalista Camilo Franco, que lanzou Piso Franco, unha aplicación de literatura breve dispoñible nas principais plataformas móbiles e en catro idiomas (galego, portugués, inglés e castelán), seguindo o ronsel (e amplificándoo) das experiencias previas do escritor cos novos formatos (que ten feito literatura a través de páxinas web e redes sociais). Sería, con moita probabilidade, a primeira aplicación móbil de contido literario e xornalístico do mundo. “O sorprendente é que que non sucedera antes”, afirma, engadindo que a súa aposta por optar a nivel creativo polas ferramentas preferidas polos lectores é posible que teña continuidade.
Piso Franco, dispoñible nas tendas de aplicacións móbiles para iOS e para Android, sae cun prezo de oferta de 9,99 euros e a partir do 15 de xaneiro custará 14,99 euros anuais. Componse dun monllo de relatos semellante ao que ofrecería un libro convencional ao que se irá engadindo contido novo cada semana. O 25% dos contidos son de acceso libre, para quen descargue a aplicación, e ao resto só se pode acceder despois de pagar a cota anual.
Segundo sinala o autor, descargar e usar Piso Franco “é sinxelo, moito máis que usar Instagram”. Respecto do contido, explica que será “heterodoxo”, maioritariamente literario, aínda “que tamén haberá crítica, reporteirismo teórico e opinión máis ou menos decorada con realidades ou, viceversa, realidade máis ou menos decorada con opinión”. A clave, di, está en que a narrativa breve ten outro soporte e que ese soporte vai condicionar dalgunha maneira o contido: “Por un lado, polas actualizacións semanais e, polo outro, porque vai haber unha participación activa das lectoras e dos lectores, principalmente a través das redes sociais nas que ten presenza Piso Franco, Facebook, Twitter e Instagram”.
Camilo Franco lanza a primeira app literaria das nosas letras: Piso Franco
Compartir Este Artigo
