
“Desde o centro queremos felicitar a Enrique e a Pablo polo seu nomeamento”, comentou Humberto Michinel, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense, quen engadiu que “valoramos moi positivamente este éxito acadado polos nosos alumnos, que consideramos tamén un recoñecemento ao nivel de excelencia da nosa escola”. Segundo apuntou, “apoiaremos as iniciativas que veñan desta asociación, especialmente se nun futuro próximo deciden organizar o seu congreso nacional no noso campus”.
Enrique García, estudante de terceiro curso do Grao de Enxeñaría Aeroespacial, é o novo presidente da asociación e Pablo Magariños, que cursa segundo, é o novo vicepresidente. A decisión de presentarse para ocupar estes cargos de dirección, apunta o novo presidente, xurdiu ante a apertura do proceso para a renovación da súa executiva. “Considerei que a miña experiencia como secretario durante os últimos meses da AEAE así como as ideas que tiña para ela conformaban un proxecto de abondo sólido como para presentalo ante o resto da asociación”, comenta Enrique García.
O proxecto de renovación formalizouse na pasada asemblea xeral da Asociación de Estudiantes de Aeronáutica y Espacio, celebrada no marco do seu XXIV congreso a finais de outubro en Madrid. Neste marco, os alumnos da UVigo acadaron o apoio unánime dos membros da entidade tras “facer unha pequena intervención na que explicamos os motivos que facían que nos presentásemos a presidente e vicepresidente respectivamente”.
A AEAE, explica a súa nova directiva, ten como obxectivo ser o punto de encontro das escolas de aeronáutica (non só de enxeñaría senón tamén de pilotos e outros estudos superiores de aeronáutica e espazo) e representar ao alumnado de toda España neste eido. “A nosa función como presidente e vicepresidente é principalmente guiar a organización e coordinar a xestión interna da entidade, tendo aos outros membros da comisión executiva e ás delegacións das outras universidades traballando connosco para poder levar a cabo a nosa actividade”, afirman os estudantes da UVigo.
Dous alumnos da UVigo asumen a dirección da asociación estatal de estudantes de Aeronáutica e Espazo
Compartir Este Artigo

