A localidade lucense de Meira acolleu este 9 de decembro a última das paradas programadas da iniciativa Camiño da Innovación, un proxecto formativo, divulgador e dinamizador que percorreu distintos puntos da xeografía galega poñendo o foco no rural e co obxectivo de xerar conciencia nas pemes sobre a importancia de transformarse para medrar. Na cita interveu a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey. Segundo lembrou, a través de Camiño da Innovación realizáronse 246 asesoramentos a pemes sobre as oportunidades de innovar nos 18 concellos que visitou a xira.
Así mesmo, engadiu, foron 555 os asistentes e 65 os relatores que participaron nos encontros con empresas innovadoras da contorna, ademais dos 18 casos de éxito incluídos nos sete cadernos de transformación elaborados para a iniciativa.
Argerey animou ás pemes da comarca de Meira e contorna “a renovarse para seren máis rendibles e crecer”, ao mesmo tempo que apuntou “que a innovación está ao alcance de todas as empresas, con independencia do seu tamaño, localización ou sector”. E engadiu: “Todas as análises sobre como afrontar a recuperación económica e consolidar o crecemento sinalan a investigación e a innovación como o factor máis influínte na competitividade das empresas”, puntualizou.
Asesoramento personalizado
En cada parada da cita –mediante cita previa– ofreceuse asesoramento personalizado a pemes e microempresas da man de técnicos da Axencia Galega de Innovación para axudarlles a analizar as oportunidades de innovar, sobre todo ás que aínda non teñen experiencia nesta práctica. Nestes asesoramentos, os técnicos colaboraron con cada empresa na elaboración dunha folla de ruta para poñer en marcha plans de acción que se materialicen en resultados tanxibles.
Ademais, contouse coa experiencia de máis de 50 casos de éxito de pequenas e medianas empresas que están a competir en mercados internacionais.
Na cita deste 9 de decembro participaron os responsables de Aldea do Marzo –dedicada ao turismo rural no Courel–; Cárnicos Río –empresa de Riotorto dedicada á fabricación e venda de produtos cárnicos–; e Bicos de Fío –tenda en liña de moda e complementos de Meira–.
Durante toda a iniciativa, publicáronse 18 videorreportaxes con algúns destes casos de éxito dispoñibles na web de Gain e desenvolvéronse sete cadernos de innovación nos que se explican as ferramentas e técnicas da innovación.
GAIN levou desenvolveu 246 asesoramentos a pemes a través de Camiño da Innovación
Compartir Este Artigo

