A Deputación de Pontevedra, a través do programa de capacitación tecnolóxica SmartPEME, oferta esta semana tres novas accións formativas impartidas de xeito online, directamente encamiñadas a favorecer a transformación das nosas empresas, profesionais e persoas autónomas. Versarán sobre a iniciación á visualización en buscadores (SEO), sobre Google Adwords e sobre comercialización en liña de experiencias gastronómicas.
Este xoves 9 impartirase o obradoiro Iniciación ao SEO II: optimiza a túa páxina web para gañar visibilidade, de Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual, que falará dos factores externos que poden afectar a nosa web e que inflúen na visualización da mesma, amais de mostrarnos como sacar rendemento ao uso do SEO.
Pola tarde, a partir das 18.00 horas a licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, María Aller, impartirá Introdución a Google Adwords, onde amosará os conceptos básicos de Google Ads, navegar pola interface da ferramenta ou como crear unha primeira campaña.
Para finalizar a semana, o venres 10, será a quenda de Comercialización en liña de experiencias gastronómicas, a cargo de Sonia Torres, técnico de Empresas e Actividades Turísticas. Nesta ocasión falará da “gran maridaxe que supón a utilización da gastronomía como reclamo turístico e de como Internet nos pode valer como ferramenta para a súa explotación”.
As persoas interesadas poden inscribirse a través do sitio web de SmartPEME na url de cada evento. Tamén é posible facelo enviando un correo ao enderezo info.smartpeme@depo.es ou no teléfono 886 202 020.
SmartPEME móstranos como empregar Google Adwords e como promover en liña experiencias gastronómicas
Compartir Este Artigo

