Red.es, entidade pública estatal, fixo oficial a listaxe das 35 empresas nacionais que integrarán o Pavillón de España no próximo MWC Barcelona 2022, que se celebrará en Fira Gran Vía do 28 de febreiro ao 3 de marzo de 2022. Na listaxe van incluídas dúas empresas tecnolóxicas punteiras da nosa terra: por unha banda Tecalis, con sede no Polígono de Novo Milladoiro (Ames) e centrada en alta tecnoloxía para facilitar a actividade das empresas e a súa transformación, e pola outra Insurama, firma coruñesa referente no ámbito dos seguros dixitais para móbiles.
O Pavillón de España en MWC Barcelona 2022, organizado por noveno ano por Red.es, dá continuidade ao compromiso institucional de apoiar ás pemes dixitais españolas neste congreso mundial. As empresas coexpositoras seleccionadas disporán dun espazo privativo de seu e poderán, ademais, facer uso de todas as zonas comúns deste espazo institucional. A maiores, beneficiaranse dunha serie de servizos, como a utilización da zona de presentacións, actividades específicas de networking, servizos de difusión ou encontros deseñados co obxectivo de incrementar as súas oportunidades de negocio, gañar visibilidade e mellorar o seu coñecemento e contactos.
Este congreso anual, organizado pola GSMA (Global Systems for Mobile Association) e que conta xa con máis de 17 anos de historia, é segundo explica Red.es o “evento mundial máis importante da industria tecnolóxica” e “o espazo onde as principais empresas de base dixital mostran as últimas innovacións relacionadas non só coa telefonía móbil e as comunicacións sen fíos, senón tamén con sectores tan disruptivos como a Intelixencia Artificial, a robótica, a Realidade Virtual e Aumentada, os drons e todo tipo de software e hardware.
Tecalis e Insurama formarán parte das 35 empresas do Pavillón España en MWC Barcelona
Compartir Este Artigo

