Esta mañá presentouse a nova edición galega das Lanzadeiras Conecta Emprego, unha iniciativa estatal para o fomento da empregabilidade e do empredemento innovador que vén da man das fundacións Telefónica e Santa María La Real, co apoio autonómico da Xunta de Galicia. Na cita participaron Sonia González, coordinadora territorial da Fundación Santa María La Real, o director de Relacións Institucionais da Fundación Telefónica e a directora xeral de Emprego da Xunta, Covadonga Toca, que sinalaron nesta nova andaina das Lanzadeiras de Emprego estas terán presenza na Coruña, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo, axudando desde febreiro á inserción laboral de 120 persoas desempregadas da comunidade.
Toca aproveitou a oportunidade para destacar esta metodoloxía “avanzada, moderna e colaborativa” que “reinventa a orientación laboral para a creación de emprego estable”. Deste xeito, destacou que na súa última edición do ano 2021, “o 40% das persoas participantes nestas plataformas acadaron mellorar a súa situación laboral”.
As Lanzadeiras Conecta son un programa gratuíto de orientación laboral para guiar a persoas en situación de desemprego cara a reactivar a súa procura de traballo mediante a formación en novas técnicas e ferramentas, co obxectivo de que reforcen as súas competencias transversais e dixitais, “para adaptalas ás demandas do mercado laboral”.
En febreiro estrearanse catro novas lanzadeiras da Coruña, Santiago de Compostela, Ourense e Vigo, que permanecerán operativas ata finais de xullo de 2022. Cada unha delas ofrece un máximo de 30 prazas que poden ocupar homes e mulleres en paro ou desemprego, con idades comprendidas entre os 18 e os 60 anos.
As Lanzadeiras Conecta Emprego son como dixemos de balde e están abertas a persoas con calquera nivel de estudos e experiencia profesional, que poden ter ou non.
A directora xeral de Emprego subliñou “a vertente máis tecnolóxica e próxima á realidade que esta iniciativa ven adquirindo nos últimos anos o que supón”, segundo reflectiu, “un valor engadido para axudar á empregabilidade das persoas participantes”. E engadiu: “A inclusión das competencias e capacidades dixitais resulta imprescindible á hora de atopar traballo”.
Prazo aberto dende xa
O prazo de inscrición nas Lanzadeiras estará aberto desde este luns 13 ata o 14 de febreiro e as persoas interesadas en participar poden realizar a súa inscrición de xeito presencial nas oficinas de emprego da Coruña (rúa Beiramar), Santiago de Compostela (rúa Ramón Piñeiro), Ourense (rúa Progreso) e Vigo (rúa López Mora); ou vía web .
Catro novas lanzadeiras axudarán á empregabilidade de 120 persoas na Coruña, Ourense, Santiago e Vigo
Compartir Este Artigo

