Este venres 17 de decembro vaise celebrar en formato streaming unha xornada sobre Financiamento de proxectos e fondos Next Generation. Trataranse diferentes aspectos que temos que ter en conta para acadar o meirande respaldo ás nosas iniciativas de innovación en materia de investimento, poñendo o foco nos novos fondos europeos ao servizo do transformador e da sustentabilidade. A inscrición á xornada, abeirada ao proxecto Interreg Poctep NOVATFE e organizada pola Dirección Xeral de Administración Local da Xunta, pode formalizarse en liña.
A actividade desenvolverase como dixemos en formato online, a través de Zoom en horario de 11.00 a 14.00 horas, e será impartida por persoal da empresa Eur-Funding. Contarase, de feito, coa presenza de Rodrigo Sanz, experto en desenvolvemento de negocio e relacións institucionais europeas da dita compañía.
Segundo a organización, é unha xornada de gran interese para técnicos de admininistracións ou entidades locais e tamén para pemes dada a orientación público privada de moitos dos fondos europeos que están próximos a convocarse.
O proxecto
NOVATFE é un proxecto dirixido ao desenvolvemento de novos modelos de negocio baseados nas chamadas Tecnoloxías Facilitadoras Esenciais (TFE). É unha iniciativa de cooperación transfronteiriza Interreg POCTEP NOVA TFE, cuxa finalidade é apostar por novos modelos negocio ao redor destas tecnoloxías, especialmente ás vinculadas á fabricación avanzada (fabricación aditiva, fabrica 4.0) e TIC (Industria 4.0, Internet das Cousas, Cidades Intelixentes).
O proxecto NOVATFE persegue achegar ás pequenas e medianas empresas de áreas non urbanas do espazo de cooperación ás estruturas de investigación e transferencia existentes (rede específica), apoiar novos modelos de negocio innovadores e intensivos en tecnoloxía (TFE) a través de estratexias innovadoras (laboratorios de experimentación e prototipado), e acompañar ás pemes na súa procura de socios, provedores e financiamento.
O proxecto ten o impulso da Universidade de Vigo, a Mancomunidade do Salnés, a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia (Vicepresidencia primeira) e o Municipio de Valença.
As claves para financiar os nosos proxectos con fondos Next Generation centran unha nova xornada de NOVATFE
Compartir Este Artigo

