O Edificio Politécnico do Campus de Ourense acubilla dende o 1 de decembro a exposición Tuiteando Ciencia, organizada polo Grupo de Innovación Docente en Bioloxía InDBio da Universidade de Vigo. Nela, recóllense 15 paneis nos que, xogando co formato de chíos (tweets) e cancelos (hashtags) e con imaxes, desbótanse desde un punto de vista científico 15 falsas crenzas, entre elas algunhas relacionadas coa pandemia, como a desconfianza nas vacinas.
A mostra conta co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Área de Formación e Innovación Educativa da UVigo.
Ana María Torrado, directora de Área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración do Campus, salienta da instalación o seu “obxectivo de difundir coñecemento e sobre todo contribuír a borrar falsas crenzas”, recalcando como “atinxe a moitos bulos que nalgún momento temos escoitado”. Por este interese, a responsable institucional anima á comunidade universitaria a visitar esta mostra.
Tuiteando Ciencia dá continuidade a outras mostras organizadas polo mesmo grupo, como Sensacionalismos e fake news en bioloxía, e nas que se fai fincapé en desbotar con argumentos científicos crenzas erróneas pero populares na sociedade. En cada panel pártese da información errónea que está popularizada e ofrécense argumentos científicos que a desbotan. Os temas abordados son multidisciplinares, abranguendo desde as plantas e animais ata a saúde e a microbioloxía. Entre as cuestións que se aclaran están as seguintes: se é ou non bo durmir con plantas na habitación, se o colesterol é un amigo ou inimigo ou se é correcta a expresión “comer como un paxariño”. Asemade, adícanse varios paneis a cuestións relacionadas coa COVID-19, como son a desconfianza fronte as vacinas e o uso de antibióticos.
Tuiteando ciencia leva a súa cruzada contra a desinformación ao Politécnico de Ourense
Compartir Este Artigo

