A Deputación de Lugo e a Escola de Organización Industrial seguen adiante coa súa frutífera relación a prol do emprego, o emprendemento e a innovación tecnolóxica. Este xoves 16 de decembro, o presidente provincial José Tomé, e o director do departamento de Aceleración Empresarial da EOI, Javier Benito, presentaron o programa Reiníciate: enfoca o teu futuro, unha nova iniciativa dotada con máis de 1M€ de orzamento que ten como obxectivo favorecer a inserción no mercado de traballo de máis de 400 mozos e mozas da provincia ofrecéndolles formación gratuíta e prácticas remuneradas en empresas e entidades en profesións con alta demanda vinculadas coas novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (as TIC) e a dixitalización.
José Tomé, que estivo acompañado tamén polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, explicou que o programa está promovido pola Deputación e a EOI cun orzamento de 1.082.950€, achegados nun 85,9% pola Escola de Organización Industrial a través do Fondo Social Europeo, que supón 930.254,05€. A institución provincial asume o 14,1% restante, o que supón 152.695,95€. Trátase, sinalaron, dunha proposta que dá continuidade ao Reiníciate: dixitaliza a túa empresa, que tamén puxeron en marcha ambas entidades e que, segundo fixeron saber, está tendo moi boa acollida entre as empresas da provincia.
Tomé engadiu que o novo programa arrancará en xaneiro e prolongarase durante un ano, dispoñendo de máis de 400 prazas destinadas para a mocidade dos 67 concellos da provincia que estean en situación de desemprego. Deben ter entre 16 e 30 anos e atoparse inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil para poder participar. “O obxectivo”, dixo, “é darlles ferramentas para axudarlles a encontrar traballo ofrecéndolles para iso información especializada, teórica e práctica, naqueles ámbitos que hoxe en día máis se reclaman no mundo laboral”. Nese sentido, manifestou que “é unha formación que responde á necesidade real de perfís profesionais que se están demandando, é dicir, os que máis expectativas de inserción laboral teñen”.
A formación estará dirixida, principalmente, á adquisición de coñecementos e tarefas vencelladas ás novas tecnoloxías, á dixitalización e á administración electrónica. Os contidos das 23 accións centraranse nas ramas de: community manager e mercadotecnia dixital, xestión informática para pemes e asociacións, xestión informática para licitacións públicas, xestión comercial e redes sociais.
Estes programas impartiranse de maneira semipresencial, “facilitando desta maneira que o alumnado poida recibir formación dende calquera punto da provincia, dándolles un trato personalizado e fomentado o traballo en equipo”, destacou o mandatario provincial no acto de presentación.
Prácticas remuneradas
Este novo programa da Deputación e a EOI inclúe ata tres meses de prácticas non laborais que serán remuneradas. O alumnado poderá completar a súa formación tanto en empresas como en asociacións da provincia cobrando uns 700€ ao mes durante este período.
Tomé Roca puxo en valor que “grazas a este programa os participantes mellorarán a súa capacidade e aptitudes para encontrar un traballo e, ao mesmo tempo, as empresas e entidades da nosa provincia, coa incorporación deste tipo de perfís profesionais poderán mellorar a súa actividade, ser máis eficientes, ter máis recursos para optar a procesos de concorrencia pública e ser máis áxiles nos seus procedementos administrativos e no mundo dixital”.
A previsión coa que se traballa é que a inserción laboral deste programa sexa, “polo menos”, dun 25% dos participantes. É dicir, que uns 100 mozos e mozas consigan un emprego ao rematar este programa.
A Deputación de Lugo e a EOI lanzan un plan de inserción para mozos co foto posto nas TIC
Compartir Este Artigo

