O Concello de Lugo activou un plan de formación con máis de 1.000 cursos online e presenciais destinados a mellorar a empregabilidade da cidadanía. Ao mesmo tempo, complementou o programa Lugo Job (así se fai chamar o dito plan) cunha plataforma de teleformación que estará dispoñible na páxina web www.lugojob.es e que ficará aberta ao conxunto da cidadanía, de forma totalmente gratuíta.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da edil de Desenvolvemento Local, Ana Abelleira, presentou este martes 14 de decembro as accións do novo plan de formación do Executivo local, que, como dixemos, ten “o obxectivo de axudar a mellorar a empregabilidade dos e das lucenses e promover a súa inserción laboral a través da formación en competencias clave, coñecementos e capacitación”.
A programación contempla dous grandes bloques: formación presencial no Centro de Innovación e Empresas (CEI-Nodus) do Concello; e formación en liña a través da nova plataforma de e-learning, denominada Lugo Job.
Polo que se refire á formación presencial, ofertaranse un total de 8 cursos e 120 prazas, con un máximo de 15 participantes por curso. Estará dirixida, exclusivamente, a persoas inscritas como demandantes de emprego. “A selección dos participantes realízase a través do SEPEG”, subliñou a alcaldesa.
As persoas seleccionadas para realizar os cursos presenciais recibirán unha bolsa formativa mensual, que se corresponde co 75% do IPREM (423,68€ ao mes).
Os cursos ofertados dentro deste bloque divídense en dúas liñas formativas: a liña 1 (que inclúe formación en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e formación en confección de publicación de páxinas web) e a liña 2 (que inclúe cursos de competencia matemática, lingua castelá e lingua galega).
Con respecto á plataforma de e-learning, Lara Méndez explicou que “a través desta ferramenta poñemos en marcha unha ampla oferta formativa, que se irá actualizando mensualmente, ofertando ao longo de doce meses un total de 1.000 cursos relacionados con todas as familias profesionais e as competencias máis demandadas hoxe en día no mercado laboral”.
Entre outros, estarán dispoñibles cursos relacionados con: informática e comunicacións; comercio e mercadotecnia; imaxe persoal, seguridade e medio ambiente; prevención de riscos laborais; idiomas; sanidade; hostalería e turismo; administración e xestión; sector agrario; artes gráficas; etcétera.
A plataforma abriu este mércores 15 de decembro o prazo de inscricións para os diferentes cursos. Neste mes de decembro a oferta contempla un total de 200 accións formativas. As horas de aprendizaxe dependerán de cada curso, pero oscilan entre un mínimo de 15 horas e un máximo de 90.
Unha vez inscritos, os cursos realizaranse a través dun campus online abeto 24 horas do día, todos os días da semana, “para maior comodidade do alumnado”. Ademais, poderase acceder dende calquera tipo de dispositivo: tanto computador, como tableta ou móbil. Por outra banda, cada unha das accións, incluídas na oferta formativa da plataforma virtual, estará titorizada por persoal docente cualificado na materia a impartir. As persoas que completen satisfactoriamente a formación online, recibirán un diploma acreditativo emitido polo Concello de Lugo.
Lara Méndez activa unha plataforma de elearning aberta e de balde para a cidadanía: lugojob.es
Compartir Este Artigo

