A Axencia Espacial Europea (ESA) outorgou ao proxecto Caminito (CAMera based INfraestructure Integrity Tracking from Orbit), desenvolvido polo equipo UVigo SpaceLab, o premio europeo Copernicus Masters na categoría de infraestruturas. O galardón está dotado cunha contía económica de 10.000 euros e outros 10.000 euros en imaxes satelitais e datos da constelación Copernicus, que permitirán aos creadores de Caminito poñer a proba e desenvolver a súa iniciativa, e mesmo novas ideas.
“Para nós é un recoñecemento ao noso traballo, ademais de que todo este tipo de iniciativas e concursos poñen en valor o papel que ten o espazo, tanto no día a día dun cidadán de a pé, como para as persoas que nos dedicamos desde os nosos estudos a beneficiar e xerar estes coñecementos, solucionando así problemas”, recoñece Manuel Diz, director executivo responsable de xestión de proxectos do equipo UVigo SpaceLab, integrado por máis dunha trintena de estudantes dos Campus de Vigo e Ourense.
O premio europeo Copernicus Masters súmase aos galardóns do ámbito autonómico, organizados tamén pola Axencia Espacial Europea, Galileo e Copernicus Galicia 2021 que o equipo UVigo SpaceLab acadou recentemente polos seus proxectos Adagio e Caminito, respectivamente. No caso do certame europeo, as e os integrantes do equipo confirman que investirán a contía do premio no no desenvolvemento da misión BIXO, na que traballan neste intre, e os outros 10.000 en imaxes satelitais e datos da constelación Copernicus para poñer a proba e desenvolver máis a fondo Caminito.
O concurso celébrase desde o ano 2011 por iniciativa da Axencia Espacial Europea, como parte da súa misión de fomentar a captación de usuarios do programa e Observación da Terra Copernicus. Nesta década máis de 3.000 persoas de 70 países participaron no certame, que premia as mellores ideas innovadoras e desenvolvementos que usan datos de observación da Terra para abordar desafíos sociais e empresariais e máis dun cento gañaron ata o de agora o concurso, que outorgou nestes dez anos uns 4,3 millóns de euros.
Aínda que as e os integrantes de UVigo SpaceLab centran desde hai algo máis dun ano a súa actividade no desenvolvemento de BIXO (Bacteriological Intercommunication Experiment in Orbit), unha misión biolóxica que ten por obxectivo analizar os efectos reais da exposición prolongada dos microorganismos ao medio espacial, o pasado verán comezaron a traballar en Caminito e Adagio. Caminito é, segundo os seus autores, “unha proposta revolucionaria” onde as imaxes da constelación Copernicus serían utilizados para a xestión e coidado dos sendeiros do Camiño de Santiago. “O seu obxectivo é proporcionar información para a prevención e actuación ante posibles incidencias, así como para o estudo da vexetación e masas de auga para detectar posibles desprendementos”, detalla o director executivo responsable de xestión de proxectos do equipo UVigo SpaceLab, que destaca “o traballo desenvolvido polos e polas integrantes do equipo que comezaron o seu segundo ano nesta formación e que na actualidade son as e os responsables dos departamentos de software, comunicacións, enxeñaría de sistemas, organización e mercadotecnia, electrónica e ADCS”.
O proxecto Caminito de UVigo SpaceLab imponse no certame europeo Copernicus Masters
Compartir Este Artigo

