O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, entregou este 16 de decembro os diplomas acreditativos de participación nas accións de formación tecnolóxica impulsadas pola institución co fin de mellorar o funcionamento das administracións e a atención á cidadanía. Na concesión dos diplomas, entregados nun acto no Pazo Provincial, Tomé fixo saber que 900 persoas tiveron a oportunidade de formarse ao longo deste ano nas 21 accións desenvolvidas, non só en novas tecnoloxías senón tamén nas áreas xurídico-procedimentais, de transparencia e boa gobernanza, de igualdade, e de prevención e responsabilidade social relacionada co medio ambiente, entre outras.
José Tomé subliñou que este plan, “máis alá das áreas concretas nas que se organiza”, ten un “obxectivo moi claro, que é avanzar cara unha administración local máis moderna, áxil e eficiente, unha administración que se sitúe na vangarda dos coñecementos e das ferramentas de traballo dispoñibles en cada momento para prestar cada vez un mellor servizo público á cidadanía”.
A proposta do Plan Agrupado de Formación Continua 2021 incluíu como dixemos 21 accións diferentes, centradas nos eidos da Administración Electrónica, as novas tecnoloxías ou, tamén, a transparencia e boa gobernanza. Participaron un total de 35 formadores e formadoras neste programa, aberto á persoal da Deputación e dos concellos da provincia.
Preto dun milleiro de traballadores das administracións lucenses formáronse nos cursos TIC da Deputación
Compartir Este Artigo

