Alumnado do Bacharelato de Artes do IES San Xillao de Lugo participou onte nunha sesión sobre ficción dixital, na que se proxectou a serie interactiva Amnesia 3.0, a primeira en galego no seu xénero, escrita e dirixida pola lucense Irene Pin. A autora ompartiu cos estudantes a súa experiencia no proceso creativo e na produción da serie, finalista do Premio Mestre Mateo á Mellor Serie Web.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo promoveu a actividade que se repetirá este venres 17 na Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón de Lugo e no IES Monte Castelo de Burela, co obxectivo de achegar contidos audiovisuais en galego á mocidade e visualizar a obra de novas creadoras.
Amnesia 3.0 é a primeira webserie interactiva en galego e está escrita e dirixida por Irene Pin. Amais do dito premio, proclamouse gañadora do Premio a Mellor Piloto de Serie Nacional no Festival de Cine Español Emerxente (FECICAM). O argumento céntrase en recrear o que acontecería nun mundo que perdeu a capacidade de lembrar. A serie aposta por un novo tipo de relación interactiva cos espectadores: unha relación na que terán que escoller (os espectadores) o rumbo que toma a historia. Amnesia 3.0 é ademais un proxecto en desenvolvemento, ao xeito dun videoxogo ou dunha aplicación móbil.
A serie interactiva Amnesia 3.0 centrou un coloquio co alumnado do IES San Xillao de Lugo
Compartir Este Artigo

