Os cursos de alfabetización dixital organizados nas parroquias pola Concellaría de Cultura de Ames chegan nestes días de decembro ao seu remate. As actividades, que formaron a 90 persoas nos diferentes aspectos da cuestión TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), desenvolvéronse nos centros sociais de Agrón, A Ameixenda, Augapesada, Biduído, Bugallido, Covas, Ortoño, Tapia e Trasmonte. Foron 25 horas de capacitación dende setembro ata decembro.
Como dixemos, 90 persoas completaron as prazas ofertadas e recibiron nocións básicas de uso das TIC, tocando materias como a ofimática, a navegación en liña, as redes sociais ou a seguridade en Internet. A concelleira de Cultura, Natividade Gónzalez, asistiu nas últimas dúas semanas ás clausuras dos cursos, repartindo diplomas e recibindo as valoracións da veciñanza participante, á que lle mostrou o seu “compromiso” para repetir a actividade.
O programa de alfabetización dixital respondeu a unha das demandas da veciñanza dos Orzamentos Participativos do ano 2020. Os obradoiros impartíronse durante tres meses, con dúas horas á semana nos ditos locais sociais. O obxectivo principal do curso, organizado pola Concellaría de Cultura, foi familiarizar ás veciñas e veciños do rural co emprego das TIC, facilitando xeitos seguros e axeitados para incorporar o mundo dixital a distintos aspectos das súas vidas cotiás.
A concelleira de Cultura, Natividade González, visitou as clausuras dos cursos nas súas nove sedes, repartindo diplomas de formación e coñecendo a opinión das 90 persoas que participaron no programa de alfabetización. Os obradoiros botaron o peche ao longo das dúas primeiras semanas de decembro, sendo os primeiros en rematar os de Augapesada e Covas, e os últimos os de Bugallido e Biduído. A estes dous locais acompañaron á concelleira o alcalde de Ames, Blas García, e o concelleiro do Rural e Participación Cidadá, Santiago Márquez.
Os cursos TIC nos centros sociais de Ames chegaron a 90 persoas e ofreceron 25 horas de formación
Compartir Este Artigo

