A Consellería de Emprego e Igualdade abriu o prazo de inscrición no programa Impulsa, unha innovadora achega formativa de empoderamento e liderado feminino. A actividade, que se desenvolverá de xeito virtual entre o 9 de marzo e o 19 de abril, pretende mellorar a empregabilidade de 100 mulleres, poñendo o foco nos sectores emerxentes, entre os que se inclúe o das novas tecnoloxías, os contidos ou a industria intelixente, amais da economía circular ou o turismo sustentable e rexenerativo.
A formación, que se impartirá en modalidade virtual (6 horas á semana), estará conformada por obradoiros, clases maxestrais, equipos de traballo, sesións de networking e grupos de acción para abordar as novas perspectivas do mercado laboral.
A formación completarase coa exposición de relatos de mulleres como referentes e fonte de inspiración para emprender, apostar por cambios e ter ideas.
A organización distribuirá ás 100 participantes en grupos de 25 persoas para traballar de forma personalizada as dinámicas, actividades e tarefas. Están previstos ademais módulos de reforzo albergados na plataforma virtual para afondar e seguir traballando no desenvolvemento de competencias profesionais.
Para ofrecer información e realizar a inscrición, habilitouse unha ligazón específica. As interesadas tamén poden trasladar as súas consultas por medio do correo electrónico info@fpgft.gal ou no teléfono 981 545 695.
O programa Impulsa da Consellería de Emprego busca empoderar un centenar de mulleres
Compartir Este Artigo

