O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para expoñer as liñas de innovación e transformación dixital que experimentará o modelo educativo na nosa comunidade. Tamén indicou que o seu departamento está a ultimar a orde para crear máis de 200 Polos Creativos nos centros educativos de Galicia.
O titular do departamento educativo da Xunta, sinalou que esta acción se atopa na Estratexia de Educación Dixital 2030 e que o perfeccionamento das competencias e capacidades dixitais son necesarias para acadar unha verdadeira transformación dixital na educación. Esta estratexia contempla, entre outras iniciativas, a creación dun centro especializado no ensino dixital e na innovación, a formación do profesorado en competencias dixitais, deseño de estratexias docentes, ou a introdución de novas técnicas pedagóxicas. Esta contará con 120 millóns de euros nos tres primeiros anos para acadar os devanditos obxectivos. Hoxe mesmo tamén se publica a nova convocatoria de E-Dixgal, que contará con novos contidos editoriais e cun total de 75 centros que se poderán sumar á iniciativa. Este programa permitirá a máis de 50.000 alumnos de ensino básico, estudar con este sistema de libro dixial durante seis meses de curso consecutivos. O goberno galego tamén está a traballar no Plan EDU100, dotado con 134,6 millóns de euros e na nova estratexia de Formación Profesional, á que se destinarán 12 millóns.
Román Rodríguez explicou que a Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, EDUlingüe 2030, permitiu que a día de hoxe sexan máis de 100.000 alumos en 863 centros os que contan cun ensino plurilingüe. “As bibliotecas escolares veñen actuando como aceleradores da innovación educativa e son unha referencia para outras CCAA”, apuntou o conselleiro. A Consellería está a traballar tamén nunha liña estratéxica específica dirixida a paliar o acoso e ciberacoso, previr as condutas contrarias á convivencia e coidar do benestar emocional dos cativos e cativas.
Como remate, o titular da Consellería de Educación explicou que debido ao grande interese que suscitan as ensinanzas de FP en Galicia, a nova Estratexia FP Galicia 2030, será dotada con 900 millóns de euros ata 2024. No ámbito estatal, o concelleiro salientou que Galicia se atopa “cos deberes feitos” e reivindica unha ABAU máis equitativa ou un procedemento para que os estudantes universitarios poidan convalidar competencias na FP.
Educación anuncia un novo pulo ao desenvolvemento tecnolóxico no ensino
Compartir Este Artigo

