A Cidade da Cultura comeza este mes de marzo a emisión do videopodcast Conversas na balea, un espazo de faladoiros que no seu primeiro capítulo, encadrado na conmemoración do 8M (Día da Muller), achégase ao ámbito da promoción e produción musical desde a óptica de dúas mulleres profesionais de peso no sector: Raquel Seijo, codirectora de Sweet Nocturna e responsable de ter traído a Galicia artistas de renome internacional (Björk, Shakira, Muse ou Lenny Kravitz), e Andrea González, pianista, pedagoga e xestora musical directora do festival internacional IKFEM (International Keyboard Festival & Masterclass), que se celebra en Tui e Valença, e escollida entre as 100 Mulleres Líderes en España en 2019.
Con este novo espazo de diálogo e conversa, que no seu título alude á icónica forma do Museo Centro Gaiás que lembra á dunha enorme balea, a Consellería de Cultura e Educación quere abrr “unha nova fiestra virtual na que dar voz a profesionais das artes e a cultura de diferentes eidos e achegarse a temáticas moi variadas nun formato distendido e próximo ás novas audiencias dixitais”. Este primeiro capítulo está xa dispoñible para ver e escoitar a través das principais plataformas en liña (Spotify, Ivoox, ou Youtube entre outras) e tamén na web da Cidade da Cultura.
O espazo está conducido por Diana Sieira, actriz, creadora escénica e comunicadora cunha dilatada experiencia como produtora e locutora radiofónica en emisoras como Cuac FM.
O videopodcast Conversas na balea arranca pondo o foco nas mulleres da produción musical
Compartir Este Artigo

