Tecalis, empresa galega tecnolóxica con sede en Milladoiro (Ames), presentou os detalles dun programa de seu para favorecer a calidade de vida das súas traballadoras e traballadores e a máxima harmonía entre o que quefacer profesional e a vertente familiar. O Plan Tecalis Concilia 2022 é en palabras da empresa TIC “o máis ambicioso de todos os que se teñen implementado na tecnolóxica ata este momento”, plans que, segundo lembra a compañía, “mereceron recoñecementos diversos en materia de responsabilidade empresarial e tecnolóxica, talento, flexibilidade ou excelencia empresarial”.
Entre as vantaxes estrela que introduce o novo Plan Tecalis Concilia atópase a xornada laboral de catro días á semana, que se instaurará en xullo e en agosto a modo de piloto, ofrecendo ao persoal ao completo a posibilidade de concentrar en 4 días a xornada (de 35 horas semanais no verán), para descansar tres días continuados.
Fontes de Tecalis explican que “nun escenario de teletraballo elixido maioritariamente polos nosos empregados de Tecalis, quen tamén teñen a posibilidade do formato presencial e o híbrido combinado, consideramos fundamental reforzar a nosa política de desconexión dixital para o coidado da saúde mental, para manter os nosos excelentes niveis de produtividade, e para cumprir coa nosa filosofía e modo de traballar”.
Para iso, desde Tecalis creouse unha directriz que obriga a evitar o envío de comunicacións fóra dos horarios laborais por calquera dos medios que poida utilizar a compañía (correo electrónico, plataformas e canles de comunicación interna, etc), tendo que programar o envío no horario laboral da organización de luns a venres.
Outra das “medidas estrela” introducidas son días laborables en datas familiares relevantes que pasan a ser “non laborables” co obxectivo de “favorecer a conciliación e os encontros familiares tan necesarios en determinados momentos do calendario”, explica a empresa galega, engadindo que “estas e máis innovadoras medidas de fomento da conciliación e a flexibilidade, únense a un Plan Tecalis Concilia anterior onde destaca un horario flexible real que elixe cada empregado en función das súas necesidades e circunstancias persoais, e con permisos especiais dunha hora para atender múltiples emerxencias e circunstancias especiais que xurdan no día a día, aplicable en moitos casos ao acompañamento de familiares ata segundo grao”.
A tecnolóxica galega Tecalis ponse na vangarda estatal en materia de conciliación
Compartir Este Artigo

