O Parque Tecnolóxico de Galicia informou dunha importante distinción ao novo talento investigador da nosa terra. Segundo engade a Tecnópole, o evento Exporecerca, a principal feira científica a nivel estatal, contou coa participación de dous proxectos de Aulas Tecnópole, que ademais tiveron un grande éxito, ao seren premiados en diferentes categorías. Expocerca levouse a cabo a a semana pasada en Barcelona.
Un dos proxectos estaba centrado na creación de perfumes con aceites esenciais. O equipo investigou diferentes técnicas coas que se realizaban os perfumes na antigüidade, desde Exipto, pasando pola Idade Media, ata chegar á actualidade. Os rapaces lograron, por arrastre de vapor, extraer aceites esenciais de laranxa e tamén de mimosa, unha planta invasora en Galicia, tratando así de reducir a súa presenza e buscándolle unha utilidade. Por outro lado, con aceite de fritir croquetas, obtiveron tamén aceites aromáticos de croqueta.
Ademais, un dos integrantes do equipo, Roque López, alumno de 3º da ESO do Colexio Guillelme Brown de Ourense, foi galardoado en Barcelona co Premio Broadcom Masters pola súa presentación e defensa do proxecto, considerado o “mellor comunicador” da feira, ademais en inglés. Este premio permitiralle viaxar en maio a Estados Unidos para participar nun concurso científico en Atlanta. É o galardón máis importante que se outorga no marco deste encontro científico a alumnado de Educación Secundaria.
O outro proxecto de Aulas Tecnópole presentado a esta feira foi unha cámara de néboa low cost, que consiste na creación dunha cámara de baixo custo para ver radiación ionizante, posto que os sistemas actuais teñen un custo moi elevado. Empregando xeo seco, placas con semicondutores e disipadores de ordenadores lograron construír unha cámara por tan só 75 €, fronte aos miles de euros que custa unha comercial. Permite visualizar radiacións e tamén raios cósmicos.
Os seus autores, os dous de primeiro de Bacharelato, son Antía Ollero, do IES As Lagoas de Ourense; e Juan Martín Taboada, do Colexio Maristas de Ourense. Recibiron unha mención da American Meteorological Society ao mellor traballo relacionado con ciencias atmosféricas; e tamén o premio da Real Academia de las Ciencias de Barcelona.
A canteira das Aulas Tecnópole obtén recoñecementos na feira científica Exporcerca
Compartir Este Artigo

