A Xunta ampliou o acceso á plataforma do proxecto E-LBE.2, de lectura e préstamo de contidos dixitais nas bibliotecas escolares. Deste xeito, a Consellería de Cultura e Educación pon a disposición dos centros integrados no Plan de Mellora de Biblioteca Escolares (PLAMBE) unha ferramenta que “enriquecerá as súas coleccións”, fixo saber o departamento que dirixe Román Rodríguez, engadindo que en total, están accesibles máis de 3.500 títulos, que se poden ler en pantalla, en todo tipo de dispositivos (ordenador, tableta, móbil…), con dispoñibilidade de lectura en liña e fóra de liña e para todos os usuarios (profesorado, alumnado e familias) que conten con carné das bibliotecas escolares.
Cultura e Educación engade que os fondos de E-LBE.2 son “variados, actuais e están seleccionados atendendo aos criterios que seguen as bibliotecas escolares galegas”. A plataforma organízase en coleccións con temáticas específicas, entre as que figuran a aprendizaxe de idiomas, a robótica, a saúde, a nutrición, os materiais de apoio ás diferentes materias que se imparten nos centros, así como o acceso a revistas e literatura para todos os ciclos e etapas, entre outras. Os contidos da plataforma están dispoñibles en diferentes linguas, con especial atención a presenza de materiais en galego.
Amais, o sistema está dotado dun catálogo intelixente que ofrece recomendacións de lectura a medida que vai coñecendo os gustos dos usuarios, así como dun módulo de accesibilidade para axudar aos lectores con ferramentas como tipografía específica para dislexia e lectura en audio de todos os libros dispoñibles.
O acceso á plataforma dixital estará vencellado directamente ao equipo de cada biblioteca, que xestionará o acceso dos diferentes usuarios. E-LBE.2 contempla dous perfís diferentes de usuario –alumno/familia e docente–, con diferentes posibilidades en canto ao préstamo.
Ampliado o acceso á plataforma de lectura e préstamo dixital nas bibliotecas escolares
Compartir Este Artigo

