A Deputación de Pontevedra, a través do servizo de capacitación tecnolóxica SmartPEME, oferta esta semana tres novas accións formativas impartidas de xeito online para pequenas e medianas empresas, persoas autónomas e profesionais en xeral. As accións versarán sobre Instagram profesional, Facebook Ads e Intelixencia Artificial.
O primeiro dos obradoiros será este martes 15 cunha sesión titulada Instagram profesional para triunfar coa túa empresa I, da man de Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais con máis de oito anos de experiencia en deseño, desenvolvemento e dirección de proxectos web. Este obradoiro terá continuidade a seguinte semana con outro taller no que tamén se afondará nesta rede social como ferramenta empresarial.
O día seguinte, o mércores 16, o enxeñeiro informático José Luis Taboada explicará no taller Facebook Ads como crear anuncios segmentados na plataforma Facebook. Neste obradoiro as pemes e persoas autónomas coñecerán as principais vantaxes e a creación de campañas con Facebook Ads e Power Editor así como o poder dunha boa segmentación.
As actividades rematarán o xoves 17 da man de Manuel Freire, experto universitario en Robótica, que impartirá un obradoiro sobre Intelixencia Artificial I, que é e como funciona no que explicará, entre outras cuestións, os comezos e evolución das ferramentas tecnoloxías que recollen e avalían información e teñen capacidade para tomar decisións. Tamén se abordarán os tipos de tecnoloxías intelixentes que existen.
As redes sociais e Intelixencia Artificial centran tres novos obradoiros de SmartPEME
Compartir Este Artigo

