O Consello da Cultura Galega presentou este luns 21 de marzo os detalles dun novo proxecto destinado a mostrar a realidade actual do galego, e non dun xeito calquera, senón dunha maneira dinámica, participativa, creativa e atrativa para as novas xeracións. Estamos a falar do proxecto Aquí medra a lingua, que propón un convite audiovisual a coñecer os logros en materia lingüística de seis centros educativos da nosa xeografía. Trátase de media ducia de prezas breves máis un documental no que participaron preto de cincuenta persoas entre alumnado, docentes, familia e comunidade, coordinados polos equipos locais de dinamización lingüística.

A presidenta da institución, Rosario Álvarez, destacou que “este proxecto amosa seis realidades educativas e lingüísticas moi diferentes, todas elas moi positivas e a base do compromiso, creatividade e vontade de sumar esforzos das diferentes persoas”. Engadiu que “no espello do modelo Burela pódense ver outros galegos, é imitable noutros lugares de Galicia, ao mellor non no conxunto, pero si en parte”.
Burela, primeira parada
O Modelo Burela é o título do primeiro dos capítulos nos que está estruturado Aquí medra a lingua. Nel explícase un proxecto que arrincou no Instituto de Ensino Secundario de Burela en 2004, como unha intervención educativa destinada á transformación dos usos lingüísticos habituais tanto na comunidade escolar como no seu ambiente social inmediato. Entre outras cousas, fálase das initiciativas estrela do centro en materia de lingua e comunicación, como o programa de Radio Neo, resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do instituto.
O proxecto
Aquí medra a lingua é un proxecto deseñado pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación que coordina Carme Garcia Mateo, que busca amosar que as escolas son “un cómplice indispensable na lingua galega e da súa transmisión”. As diferentes iniciativas están contadas polos seus propios protagonistas que ofrecen, en palabras do CCG, “un relato fiel dos proxectos que se están a desenvolver en diferentes centros de toda Galicia”. Esta contribución audiovisual, dirixida pola valdeorresa Cristina de la Torre, está estruturada en seis capítulos que arrincan con O modelo Burela, e que se irán subindo semanalente xunto cunha ficha descritiva de cada centro a un especial do web do Consello da Cultura Galega.
Continúa o 28 de marzo co episodio titulado Reforzar o propio do CPI Virxe da Saleta, e logo seguirán no IES Félix Muriel de Rianxo (4 de abril), no CEIP Barouta de Ames (11 de abril) e no CRA Nosa Señora de Ponteceso (18 de abril) para rematar o 25 de abril no CEIP Barouta de Moaña. Segundo explica Consello da Cutural, “son seis centros que están espallados por toda a xeografía galega, que amosan as diferentes accións de cada centro en prol da lingua, coas dificultades e vantaxes de cada caso”. Ao remate, todas esas visións xuntaranse nun documental único que condensa todo o material e que ofrece unha visión realista sobre o galego na escola.
O CCG envorca en audiovisuais online os esforzos dos centros educativos para manter vivo o lume do galego
Compartir Este Artigo

