FEUGA vai organizar os días vindeiros un curso moi acaído para aquelas persoas que queiran mergullarse nos novos formatos que adquirirán as actividades empresariais. O curso Blockchain e estratexia: como xerar vantaxes competitivas celebrarase os días 19, 21, 26 e 28 de abril. Serán oito horas de contidos a desenvolver en horario de mañá, de 9.30 a 11.30 horas.
Afondarase nas posibilidades de negocio da tecnoloxía coñecida como cadea de bloques (blockchain), que é, en palabras de FEUGA, moito máis que criptomoedas: “A súa aparición, de feito, posibilita a eclosión de novos modelos de negocio e a redefinición dos existentes, pudendo xerar vantaxes competitivas cunha mellora da eficacia e a eficiencia dos procesos das organizacións”, explican dende a entidade organizadora.
A persoa encargada de impartir os contidos será Antonio Rodríguez Furones, conselleiro independente e conferenciante con máis de dúas décadas como directivo e cunha traxectoria profesional ligada á consultoría estratéxica e de operacións (Abantia Consulting, Deloitte), á dirección de empresas de servizos (Augas de Valencia) e ás tecnolóxicas (director xeral e conselleiro delegado do grupo Tecopy).
FEUGA móstranos como ser máis competitivos botando man da cadea de bloques
Compartir Este Artigo

