Na mañá deste 24 de marzo entregáronse en Santiago os Premios Emprendedor XXI, convocados por Caixabank e a Empresa Nacional de Innovación (ENISA), co obxectivo de “identificar, recoñecer e acompañar ás novas empresas con gran potencial de medre”. Na cita participou o director do IGAPE, Fernando Guldrís, quen salientou que “o talento, a dixitalización e a formación son parte do ADN das empresas finalistas do certame”. Innogando foi a gran vencedora da edición galega do certame.
O palmarés
A gañadora desta edición dos Premios Emprendedor XXI foi a empresa Innogando (Abadín), creadora dun sistema de monitoraxe e xestión de gando no exterior. O premio inclúe unha dotación económica de 6.000 euros, formación internacional especializada impartida por ESADE e expertos de Silicon Valey e o acceso a investidores e grandes empresas interesadas no ecosistema emprendedor.
As outras finalistas foron Enercraft (Cambados e Sanxenxo), especializada na venta de baterías portátiles para aeronaves; H2 Dron Energy (As Pontes), que comercializa sistemas de propulsión para drons mediante hidróxeno fronte ao litio, mellorando a autonomía destas naves; Uarx Space (Nigrán), enxeñería aeroespacial que logrou crear o primeiro dispensador de nanosatélites 100% español; e Ghop, impulsora das primeiras tendas intelixentes do noso país abertas 24 horas ao día todos os días do ano.
O acto de entrega realizouse no marco do DayOne Innovation Summit Galicia, onde participaron profesionais da dirección territorial de CaixaBank e ENISA, entre outros relatores.
Desde a súa creación en 2007, o programa investiu 6,7 millóns de euros en premios en metálico e accións de acompañamento, que beneficiaron a máis de 430 empresas.
En Galicia, a organización dos Premios EmprendeXXI conta co apoio do IGAPE.
Máis sobre Innogando
Innogando traballa no sector de Smart Farming. O obxectivo desta nova firma innovadora é dixitalizar o sector gandeiro para mellorar a calidade de vida do gandeiro, a rendibilidade da súa granxa e o benestar animal. Para iso deseñou de maneira íntegra diversos desenvolvementos tecnolóxicos, entre os que destaca Rumi, un dispositivo de monitoraxe do gando que conta cun asistente virtual e axuda a xestionar e a tomar decisións cos datos que recolle. Tamén é de deseño e fabricación propia Eliter, unha marca de tenreiros baseada na rastrexabilidade do seu status sanitario e condicións de orixe, que permite revalorizar este grupo de animais. O persoal de Innogando está formado por gandeiros, veterinarios e enxeñeiros informáticos e electrónicos.
Elio Lopez, director executivo e co-fundador de Innogando recolleu o premio de mans do director xeral do IGAPE, Fernando Guldrís, e o director territorial norte de CaixaBank, Juan Pedro Badiola.
Innogando imponse nos Premios Emprendedor XXI, edición galega
Compartir Este Artigo

