Finalmente o noso alumnado tivo unha actuación máis que meritoria nas olimpíadas estatais de Formación Profesional, as Spain Skills 2022, nas que participaron unha trintena de estudantes (as mozas e mozos que acadaron a medalla de ouro na fase galega do certame estatal, as Galicia Skills 2021) e dos que cinco viñeron para Galicia con premio. Participaron en 27 habilidades, a totalidade das competicións oficiais que compoñen o certame. A nosa terra tivo representación en tres modalidades de exhibición: Robótica colaborativa, Sistemas robóticos integrados e Industria 4.0.
As Spain Skills 2022 desenvolvéronse a semana pasada no recinto feiral IFEMA de Madrid e nelas medíronse as competencias de alumnos das 17 Comunidades Autónomas e das cidades autónomas de Ceuta e Melilla.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, asistiu este sábado ao acto de entrega de medallas das olimpíadas nacionais de Formación Profesional, Spain Skills 2022. Ao remate da cerimonia, o representante da Xunta tivo a oportunidade de felicitar aos compoñentes da delegación galega polo traballo realizado nesta competición. “A excelencia da FP galega vén de traducirse na consecución de cinco medallas neste concurso, o que nos enche de satisfacción e nos anima a continuar fortalecendo estas ensinanzas a través da Estratexia FP Galicia 2030”, destacou.
Román Rodríguez quixo tamén transmitir os seus parabéns aos profesores que, como titores ou coordinadores, acompañaron aos alumnos galegos nestas olimpíadas, facendo fincapé “en que os docentes son o piar fundamental do noso sistema educativo e da altísima cualificación dos titulados dos ciclos formativos en Galicia”.
Galicia colocouse terceira en número de medallas de ouro, empatada con Euskadi e Castela e Leóns, só por detrás de Cataluña e Andalucía. En número total de medallas a nosa comunidade rematou quinta, empatada con outras catro CCAA.
Galicia ocupou a terceira posición no certame Spain Skills 2022 por número de medallas de ouro
Compartir Este Artigo

