Galicia contará con novos centros de fabricación avanzada segundo dez manifestacións recibidas pola Xunta. As ditas propostas, suxeridas polo mesmo tecido produtivo galego, nacen logo de que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do IGAPE, fixese unha consulta para coñecer a demanda de espazos industrias compartidos.
Deste xeito, as empresas e entidades interesadas en activar fábricas compartidas, centros loxísticos e de fabricación avanzada e espazos industriais especializados, puideron presentar as súas ideas ao IGAPE. Cómpre sinalar que este é o paso previo ao desenvolvemento de liñas de axuda que permitirán impulsar centros e instalacións colaborativas, mellorando tamén o deseño dunha nova liña de axuda no marco da Axenda Industria 4.0, que promove a presenza de infraestruturas axeitadas como un dos factores determinantes para mellorar a competitividade das PEME galegas.
Así, despois da primeira consulta deste tipo, estanse a impulsar en Galicia sete centros de fabricación avanzada en diversos sectores industriais, como as TIC, o biotecnolóxico, a loxística, o turismo ou o agroalimentario.
Máis polo miúdo, a Xunta achega 4,82 millóns de euros para desenvolver un centro de servizos avanzados na Cidade das TIC da Coruña que contará con catro laboratorios para a realización de probas e o aloxamento de empresas do sector. Asemade, o Goberno galego destina 4,3 millóns de euros ao centro loxístico da automoción no Porriño para a realización de actividades de formación, demostración e experimentación sobre operacións reais no eido da industria do automóbil pero tamén no alimentario e o naval.
O centro biotecnolóxico do Tambre, en Santiago de Compostela, recibiu unha axuda de máis de 4 millóns de euros para prover ao sector de laboratorios para actividades de I+D+i, equipamento compartido e instalacións de uso común. A cuarta infraestrutura é un centro de tratamentos térmicos do aceiro en Narón que contará cun apoio de 2 millóns de euros, co obxectivo de facilitar a realización de máis traballos con este material, como a reparación de buques. No eido do turismo e a innovación, impulsouse con 370.000 euros o Centro de Servizos Avanzados Galicia TurisTIC en Vilagarcía de Arousa.
Emprestouse tamén axuda á factoría piloto de Inleit en Curtis, con 2,4 millóns de euros para a síntese de proteínas e subprodutos lácteos de alta calidade; concedéronse 2,5 millóns de euros á Agrupación de Cooperativas Lácteas (ACOLAT), en Caldas de Reis (pertencente a CLESA) para promover un centro de fabricación avanzado de lácteos de alto valor engadido.
O tecido produtivo galego contará con novos centros de fabricación avanzada grazas a Xunta e o IGAPE
Compartir Este Artigo

