A axencia AMTEGA anunciou este mércores 30 de marzo que proseguirán as actuacións impulsadas con motivo da pandemia, ao abeiro do protocolo Fenda Dixital. O obxectivo será “garantir que todo o alumnado en risco de exclusión poida dispoñer dun ordenador e unha conexión a Internet”.
A axencia sinala que atendeu as necesidades urxentes dende os momentos iniciais da pandemia “con 3.500 portátiles e kits de conexión que se repartiron xa en 2020”, para logo poñer a disposición dos centros outros 14.500 ordenadores cun kit de conexión de seis meses (correspondentes ao programa Educa en Dixital, proporcionados por Red.es nunha actuación co-financiada polo Goberno e as Administracións autonómicas).
AMTEGA fai fincapé no feito de que “Galicia fose das primeiras Comunidades en asinar o convenio con Red.es, e polo tanto, en adherirse á iniciativa estatal para dar resposta as necesidades das familias mais vulnerable”. A Xunta entregou os equipos aos centros a medida que os foi recibindo por parte de Red.es, entidade autónoma adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, que foi a encargada de compralos e distribuílos en todo o Estado.
Unha vez que as conexións proporcionadas por Red.es caducaran recentemente, ao ter pasado os seis meses dende a súa activación, a Xunta garante aos centros que poderán seguir proporcionado a todo o alumnado que o precise os equipos necesarios.
O Goberno galego salienta ademais que dispón dos ordenadores e kits de conexión necesarios para atender todas as demandas dos centros educativos para o alumnado en risco de exclusión así como para os nenos e nenas que se encontran en situación de acollida en Galicia pola guerra de Ucrania.
A Xunta dará continuidade ás accións iniciadas coa pandemia para loitar contra a fenda dixital entre o alumnado
Compartir Este Artigo

