A consultora galega Vitae, referente en formación tecnolóxica avanzada para profesionais e empresas, atópase entre as entidades que colaboran no evento Vicon, que se celebra na cidade de Vigo os días 8 e 9 de abril, na sede do Círculo de Empresarios.
Vitae, que é novamente patrocinadora (por segunda vez) deste innovador congreso centrado na ciberseguridade, explica que a cita ten o seu precedente directo nun acontecemento tecnolóxico informal celebrado en Vigo en 2017: o Hack&Beers. A mesma fórmula desta proposta (charlas desenfadadas sobre seguridade informática onde as persoas asistentes obteñen e intercambian coñecementos sobre a materia e participan en networkings e encontros informais arredor dunha cervexa) está presente agora en Vicon, poñendo o foco nunha cuestión máis candente ca nunca, o da protección tecnolóxica, e traendo a Vigo a profesionais de máis alá de Galicia (aínda que tamén galegos) para “aprender e compartir experiencias”.
Vitae engade que entre os relatores e asistentes haberá formadores e consultores asociados á súa actividade. “Esta formación”, explica a empresa, “reforza o noso interese e preocupación, pois tamén no noso programa contamos co curso de Ciberseguridade que imos comezar o vindeiro 30 de abril, ou o de Desenvolvemento Seguro, xa impartido no primeiro trimestre de ano.
O programa de charlas de Vicon contará coa presenza de Joel Serna, David Marugán, Joel Gámez, Bernardo Viqueira, Gonzalo Jiménez, Joaquín Molina, Alberto R. Rodas, Carlos Loureiro, José Luis Navarro, Pedro Cabrera, Miguel Gallego, Ruth Sala, David Meléndez, Antonio Pérez Sánchez e Álvaro Villaverde.
Vitae patrocina un dos grandes eventos galegos e estatais en materia de ciberseguridade: Vicon
Compartir Este Artigo

