O Carballo Interplay, festival de contidos dixitais e webseries da vila bergantiñá, pecha este sábado 9 de abril a súa 9ª edición. Faino cunha xornada con algúns dos nomes máis coñecidos de Internet en termos de activismo, feminismo, dereitos LGBT, cultura e entretemento.
O sábado ás 11h30, falarán sobre Activismo, divulgación e feminismo(s) na rede Nerea Pérez de las Heras, dramaturga, xornalista e co-creadora do podcast Saldremos mejores; Eugenia Tenenbaum, divulgadora especializada en historia da arte con perspectiva de xénero; e Ana Polo e Asaari Bibang, dúas das cómicas máis recoñecidas do panorama nacional.
Ao mesmo tempo, seguindo a liña da Zona PRO desta edición, Manuel Bartual impartirá un obradoiro de guión de podcast no que envorcará todos os seus coñecementos como creador dos formatos Biotopía e Santuario. Pechará a mañá de sábado a sesión vermú de Marta Salicrú DJ Set, directora de Radio Primavera Sound.
Pola tarde, a filósofa, columnista e escritora Elizabeth Duval abriranos as portas do seu Código Fonte Audiovisual a través dos vídeos que marcaron a súa identidade en Cartas a las chicas del 2000.
A tradicional gala de entrega de premios, ás 21h, pechará a 9ª edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay. Jorge Boquete e Oscar Cruz, de Porco Bravú, teñen preparada A Desfeita, un late night no que recibirán convidados e facianas coñecidas e farán un repaso dos últimos nove anos de festival.
O acceso ás actividades do festival é gratuíto, previa retirada de entrada a través da web, e tamén poden verse en streaming a través de Youtube, Twitch ou Facebook.
O Carballo Interplay 2022 pon o peche este sábado redobrando o seu compromiso co activismo en liña
Compartir Este Artigo

