Abril vai ser en lugo un mes de videoxogos. O motivo non é outro que a celebración do Lugo Gaming Fest, evento que se celebrará os días 23 e 24 de abril no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e que pretende “pór a cidade galega como capital referente nacional na industria dos videoxogos”, sinala a organización, salientando que se trata de resposta a un ámbito de actividade, o mundo gamer, que non para de medrar e cuxa comunidade reclama espazos onde compartir coñecemento, recursos e habilitades. Para iso, o festival xuntará unha ampla oferta de actividades co apoio de creadores de contido e empresas.
O festival contará coa presenza de Ismael Prego, coñecido en Youtube e Twitch como Wismichu, que será o embaixador do evento lucense.
Durante a cita as persoas asistentes poderán gozar das competicións oficiais do Circuíto Tormenta nas modalidades de League Of Legends e Valorant, torneos de Rocket League, a segunda edición do benéfico Amazonas Valorant Tournament; relatorios realizados por parte de distintos profesionais, actividades nas cales “os participantes terán unha experiencia máis próxima ao sector dos videoxogos”, exhibicións dos freestylers Gazir e Tirpa e actividades da asociación galega de freestylers: Galos do Norte. Por áreas temáticas e recintos, haberá unha zona de artistas, unha zona PC, unha zona mobile, unha zona de xogos de mesa e moito máis. O prognóstico da organización é atraer á cidade da Muralla a máis de 4.000 persoas para mergullarse de cheo nas competicións, nas actividades e no atractivo da cidade bimilenaria de Lugo.
As entradas pódense comprar desde os 12 euros (anticipadas) e dende os 14 euros en despacho de billetes o mesmo día do evento. Están á venda as entradas dun só día e as xerais que dan acceso aos dous días do evento. Todas están dispoñibles na web do certame.
Lugo prepárase para acoller este mes de abril o Lugo Gaming Fest
Compartir Este Artigo

