A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra promoven a terceira edición do Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, que ten o obxectivo de tender pontes entre a ciencia, por unha banda, e a cidadanía, pola outra; amais de poñer o foco na investigación feita na nosa terra e reivindicala e visualizala. Desenvolverase ao longo dos meses de abril e xuño. O ciclo rende homensaxe á investigadora, bióloga oceanógrafa e académica Aida Fernández Ríos, falecida en 2015. Nesta edición tocaranse temas como as doenzas neurodexenerativas ou as posibilidades que abren as aplicacións de Intelixencia Artificial.
O presidente da RAGC, Juan Lema, manifesta o seu “agradecemento á Deputación de Pontevedra, en particular á súa presidenta, Carmela Silva, pola súa implicación persoal a prol da divulgación científica, colaborando coa Academia como axentes activos. Iniciamos este terceiro ano con moita ilusión, buscando temas con impacto social e seleccionando aos mellores expertos e expertas en cada un dos temas, moi satisfeitos ademais polo impacto e a participación da cidadanía no ciclo”.
O ciclo constará dun primeiro bloque de seis relatorios dirixidos ao público en xeral, impartidos por oito recoñecidos expertos das tres universidades galegas e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. As conferencias celebraranse do 3 de maio ao 9 de xuño, a primeira na se do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra e tamén en liña, e as demais de xeito online, todas ás 19:00 horas. Como dixemos, abordaranse temáticas tan diversas e actuais como as enfermidades neurodexenerativas e o envellecemento, a tecnoloxía farmacéutica ao servizo da Medicina, os sismos en Galicia, as aplicacións da Intelixencia Artificial e a tecnoloxía de biorecursos vexetais.
As primeiras conferencias do ciclo serán o 3 de maio. Carlos Spuch Calvar, investigador senior do Grupo de Neurociencia Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e investigador do Centro de Investigación Biomédica en Red de Salud Mental (CIBERSAM) -pertencente ao Instituto de Salud Carlos III-, tratará os principais avances na enfermidade de alzhéimer. Vanessa Valdiglesias García, investigadora do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña, achegarase aos biomarcadores asociados ao envellecemento.
O 5 de maio intervirá Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática de Tecnoloxía Farmacéutica da facultade de Farmacia da Universidade de Santiago, que afondará na tecnoloxía farmacéutica na era da medicina personalizada.
Na xornada do 12 de maio o tema será a cidadanía ante o cambio climático. María Loureiro García, catedrática de Fundamentos de Análise Económica da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago, centrarase en particular nos aspectos socio-económicos do cambio climático.
O 19 de maio o relator será Juan Ramón Vidal Romaní, catedrático emérito da Área de Xeodinámica Externa da Universidade da Coruña. Falará sobre os movementos sísmicos en Galicia, por que se producen e cal é o maior perigo que podemos agardar deles.
A xornada do 2 de xuño estará dedicada á Intelixencia Artificial. María José Carreira Nouche, profesora Titular da Área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago, tratará a utilización da Intelixencia Arficial na imaxe médica. Pola súa parte, José Pazos Arias, catedrático no Departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo, explicará como combater a actual saturación de información.
A derradeira conferencia deste bloque do ciclo celebrarase o 9 de xuño, da man de Herminia Domínguez González, catedrática de Enxeñaría Química da facultade de Ciencias da Universidade de Vigo (Campus de Ourense). Falará sobre os antioxidantes naturais e as súas aplicacións tecnolóxicas.
Vocacións científicas nos centros de ensino
O ciclo consta dun segundo bloque de actividades no que se celebrarán cinco conferencias en institutos de Secundaria e Bacharelato, entre os meses de setembro e decembro deste ano. As charlas estarán impartidas por investigadores e investigadoras das tres universidades galegas, que abordarán temas moi atractivos para os rapaces como o papel do ADN na resolución de problemas xudiciais, o valor das Matemáticas na sociedade actual, a transformación da auga residual nun recurso, a ciberseguridade e a importancia dos hackers, así como a relevancia das microalgas.
A inscrición para participar de balde en todas as conferencias debe realizarse a través da web da Deputación de Pontevedra. Os participantes poderán solicitar un certificado de asistencia.
O Ciclo Aida Fernández Ríos adicará unha xornada á Intelixencia Artificial
Compartir Este Artigo

