A novena edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay rematou este sábado coa gala de entrega de premios ás mellores series para web na que triunfaron proxectos de animación como Querida Conchi e Lordson and Jesus, o humor político de The communist”s daughter e o intimismo de Dhanasri, Julies e as pantasmas. Outra das grandes triunfadoras foi a serie interactiva galega Amnesia 3.0.
O xurado composto por Marta Salicrú, Betu Martínez, Víctor Sala, Lucía Estévez e Ángela Andrada outorgoulle a Querida Conchi o premio a Mellor Serie Estatal, dotado con 800 euros e trofeo, e a Lordson and Jesus o de Mellor Guión, dotado con 200 euros e trofeo.
O de Mellor Serie en Versión Orixinal en galego, dotado con 800 euros e trofeo, foi para Amnesia 3.0, serie interactiva nacida no propio Carballo Interplay a través do concurso de proxectos.
O premio para Mellor Dirección, dotado con 200 euros e trofeo, para a canadiense The Communist”s daughter, unha comedia política ambientada durante o mandato de Ronald Reagan.
As asistentes ao Carballo Interplay tamén tiveron a oportunidade de escoller a súa webserie favorita e finalmente decantáronse pola francesa Resistance, que recibiu 400 euros.
Pola súa parte, o xurado novo, composto por Malva, Nee Barros e Berto Mira decidiu outorgar o seu premio, dotado con 400 euros e trofeo, a Dhanasri, Julies e as pantasmas, un retrato poético que explora a complecidade das relacións entre as mulleres.
Reunido en Carballo o xurado composto por María Yañez, Nati Juncal e Xulio Abonjo decidiu outorgar o Premio ao Mellor Proxecto de Webserie en Galego, dotado con 3000 euros para a produción dos tres primeiros capítulos, a Mentres non chova, de Carla Álvarez, Xiana Rei Martiz e Luiza Velizarova, un thriller contado a través da pantalla dun teléfono móbil que esconde, segundo destacaron, “unha gran reflexión sobre o cambio climático”.
A serie estrearase na próxima edición do Carballo Interplay.
Palmarés
Mellor Serie, dotado con 800 euros e trofeo: Querida Conchi
Mellor Serie Versión Orixinal en Galego, dotado con 800 euros e trofeo: Amnesia 3.0
Premio do Xurado Novo, dotado con 400 euros e trofeo: Dhanasri, Julies e as pantasmas
Premio do Público, dotado con 400 euros e trofeo: Resistance
Premio a Mellor Guión, dotado con 200 euros e trofeo: Lordson and Jesus
Premio a Mellor Dirección, dotado con 200 euros e trofeo: The Communist”s daughter
Premio a Proxecto de Serie Web en Galego, dotado con 3.000 euros e trofeo: Mentres non chova
Querida Conchi e Amnesia 3.0, premiadas na novena edición do Carballo Interplay
Compartir Este Artigo

