A Deputación de Pontevedra, a través da iniciativa de formación tecnolóxica SmartPEME, oferta esta semana tres novas accións formativas impartidas en liña para incrementar os recursos TIC de persoas autónomas, pequenas e medianas empresas e profesionais. As accións versan sobre edición de vídeo básica, ferramentas de Google para a promoción de negocios locais e infoprodutos.
As actividades comezaron este martes 12 cun obradoiro sobre Edición de vídeo básica: a nova función de Canva no que Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, ensinou de forma práctica como usar esta nova opción da ferramenta.
Este mércores 13 de abril ás 12:00h, Laura Carrera, con ampla experiencia asesorando empresas de diversos sectores no ámbito da comunicación e a mercadotecnia dixital, falará sobre Ferramentas de Google para a promoción de negocios locais. Farao nun obradoiro no que o obxectivo é dar a coñecer Google My Business e Google Adwords Express, dúas ferramentas que buscan dar unha maior visibilidade aos negocios locais, facilitando as posibilidades da xeolocalización e as procuras dos seus potenciais clientes.
O derradeiro dos obradoiros desta semana tamén terá lugar o mércores, de 17:30 a 19:00 h , titúlase Infoprodutos: que son e como crealos e será impartido por Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo. Este taller ten como obxectivo “coñecer de preto os infoprodutos e como poden axudan a crear un negocio que se xestiona de maneira automática”.
Os infoprodutos e a mercadotecnia de Google centran os novos obradoiros de SmartPEME
Compartir Este Artigo

