O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña congrega esta semana a preto de trinta investigadores procedentes de Países Baixos, Bélxica, Italia e España co obxectivo de traballar conxuntamente na resolución de problemas propostos por empresas do sector financeiro. Fano ao abeiro da Study Week with Financial Industry, un marco de traballo que se desenvolve no CITIC do 19 ao 22 de abril, organizada no marco do Doutoramento Industrial Europeo ABC-EU-XVA da convocatoria MSCA do Programa Marco Horizonte 2020.
O acto de apertura celebrouse na mañá deste 19 de abril, a cargo do vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Salvador Naya; o subdirector do CITIC da Universidade da Coruña, Javier Pereira; e o investigador do CITIC e organizador das xornadas, Carlos Vázquez Cendón.
Salvador Naya indicou que a “UDC promove a colaboración con outras institucións no ámbito da investigación, polo que é unha honra, tamén como investigador do CITIC, que o centro acolla un evento destas características”.
Pola súa banda, Javier Pereira destacou que “eventos deste tipo contribúen ao posicionamento internacional do CITIC”.
Finalmente, Carlos Vázquez Cendón puxo o foco no aspecto colaborativo do proxecto ABC-EU-XVA que serve de alicerce a esta actividade, na que “os grupos de traballo tratarán de resolver tres problemas propostos polas empresas do sector financeiro participantes”.
O Doutoramento Industrial Europeo ABC-EU-XVA en finanzas cuantitativas comezou a súa andaina en 2018. A UDC recibe unha contribución de máis de medio millón de euros por parte da Unión Europeo pola súa participación no proxecto, no que colabora coas universidades de Bolonia, Delft e Libre de Bruxelas, o CWI de Ámsterdam e as institucións financeiras Banco Santander, Abanca, Belfius Bank, Rabobank e UnipolSai.
Investigadores internacionais congréganse no CITIC da UDC para solucionar retos financeiros
Compartir Este Artigo

