O Campus Industrial de Ferrol acolle esta semana (o xoves e o venres 21 e 22 de abril) o hackathon Navantia Next Pioneers, no que participan preto de 50 estudantes de Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento de Produto tentando resolver un reto real do sector naval durante un período de 24 horas. A cita dará comezo ás 15:00 horas do xoves 21 de abril na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI).
Segundo explican fontes do Campus, o evento preséntase “como unha oportunidade única para innovar, crear, aprender, colaborar e demostrar talento”.
Navantia e o Campus Industrial da Universidade da Coruña achegan con este encontro de talentos un espazo no que experimentar coa transformación dixital, a robótica e as novas tecnoloxías intelixentes.
Ao longo das 24 horas que dura este hackathon, as persoas participantes, divididas en pequenos equipos de non máis de cinco, contarán co apoio de diversos profesionais do sector naval, do deseño industrial e doutros expertos en metodoloxías e ferramentas innovadoras para acadar a resolución do reto proposto así como unha aprendizaxe real. Será un xurado profesional quen seleccione ao equipo gañador e os seus integrantes recibirán cadanseu cheque por valor de 150 euros.
O Campus de Ferrol acolle esta semana un hackathon para resolver un reto real do sector naval
Compartir Este Artigo

