UNED Ourense ofrece vai ofrecer en maio un obradoiro de iniciación á gravación audiovisual. Celebrarase os días 13 e 14 de maio na aula de Valdeorras. Neste taller de iniciación á gravación ensinarase a manexar as ferramentas básicas da linguaxe audiovisual, mostrando como empregar unha cámara e montar gravacións, “aspectos e conceptos básicos da montaxe que nos poden axudar tanto a nivel persoal como laboral”, sinala a UNED Ourense.
O obradoiro porá o foco na vertente práctica dos ditos contidos (veranse gravacións audiovisuais en determinados programas de televisión e en eventos de todo tipo, e tamén ofrecerase ás persoas participantes a oportunidade de montar cadanseus audiovisuais para a promoción dos seus negocios a nivel laboral ou para montaxes domésticas e lúdicas). “Debido á importancia hoxe en día das redes sociais, un taller centrado no proceso de gravación e no xeito de organizalo pode ser primordial para o éxito ou fracaso dun negocio”, sinalan dende a UNED Ourense a respecto da importancia desta actividade formativa.
A primeira parte do obradoiro, que consta de 5 horas, inclúe estes temas: coñecemento da cámara, linguaxe audiovisual, guión literario versus técnico, conceptos básicos da rodaxe e unha primeira práctica que será un primeiro contacto coa cámara.
A segunda parte, tamén de 5 horas, estará dedicada a coñecer o son e a iluminación cunha práctica que consistirá en pór a proba todo o aprendido ata ese momento. Asemade, dedicarase un tempo á montaxe e ao traballo na edición.
Esta acción formativa está deseñada para cámaras DSLR e Adobe Premiere, aínda que todas as persoas interesadas en vídeo ou montaxe audiovisual poden asistir dado que os conceptos básicos valen para calquera dispositivo e software de edición.
As prazas son limitadas. O taller será online e presencial. A matrícula custa 25 euros.
A docente deste curso é Estela Barone López Carracedo, graduada en Comunicación Audiovisual e Multimedia + Artes Escénicas e Mediáticas.
UNED Ourense inícianos na gravación de vídeo cun obradoiro en maio
Compartir Este Artigo

