Gondomar vén de ser obxecto de importantes traballos de despregadura de fibra óptica por parte da operadora de orixe galega R. Segundo informou a compañía, esta tempada incorporáronse novos fogares e negocios dos núcleos de Piquetes, Campo das Bestas, Galisteo e O Portelo á rede de inmóbeis que conta coa dita tecnoloxía FTTH da operadora, que, segundo lembra esta, “proporciona accesos ultrarrápidos a Internet de ata 10 GB simétricos” e “permite gozar dos servizos máis avanzados de telecomunicacións do mercado”. Desta volta quedaron conectados máis de 200 inmóbeis de Gondomar.
Amais, cando rematen as despregaduras enmarcadas no vixente Plan Avanza no que R traballa a día de hoxe, arredor de 2.900 fogares e negocios teranse unido xa á rede de fibra da operadora, presente en case 70 núcleos do concello de Gondomar, entre os que figuran Os Amados, O Barreiro, Piñeiro, Carasquedo de Abaixo, A Rochela, As Vendas, Vilarés, A Igrexa, Fontenla ou Areíña, por mencionar só algúns deles.
Alen do Plan Avanza, a compañía informou de que leva tempo investindo na extensión de rede propia en Gondomar a través doutras accións e, así, nestes momentos dispoñen da cobertura de R preto de 2.750 fogares e empresas do concello.
Este e outros desenvolvementos de rede na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispuñan de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”).
Máis de 200 novos inmóbeis de Gondomar incorpóranse á fibra óptica de R
Compartir Este Artigo

