As nosas novas investigadoras, tecnólogas e divulgadoras piden paso. Así nolo confirmou este 21 de abril a Tecnópole, que vén de comunicar que un vídeo de tres alumnas de Ourense vén de recibir o primeiro premio nun concurso nacional de ideas innovadoras vencelladas ao desenvolvemento sustentable, ao abeiro do proxecto Ciencia e Tecnoloxía en Feminino da APTE, no que participa o Parque Tecnolóxico de Galicia. A entrega de premios celebrouse este xoves 21 de abril. No vídeo, as rapazas gañadoras (todas elas do Santo Anxo de Ourense) propuxeron unha resposta ao desafío da acumulación de plásticos con tecnoloxía de impresión 3D.
Ciencia e Tecnoloxía en Feminino
O obxectivo desta iniciativa é lograr que “aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía en Educación Secundaria e opten posteriormente por carreiras STEM -Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería ou Matemáticas-, debido á súa baixa presenza nestas materias”.
No marco deste proxecto, Tecnópole celebrou unhas xornadas no mes de febreiro, dirixidas a estudantes de 1º a 4º da ESO e aos últimos cursos de Primaria. Entre as actividades propostas, realizouse un obradoiro para presentar ás rapazas e rapaces problemáticas existentes no Parque relacionadas cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable que expón a Axenda 2030 de Nacións Unidas.
A finalidade desta actividade era que desenvolveran un proxecto como solución a un problema concreto da Tecnópole. O alumnado traballou por grupos nos seus respectivos centros e enviaron a súa proposta en formato vídeo a Tecnópole, de xeito que a solución elixida entrou a participar no concurso nacional Propostas Innovadoras aos Retos para o Desenvolvemento Sustentable impulsado por APTE.
O vídeo gañador
O vídeo seleccionado por Tecnópole foi elixido entre os tres finalistas neste certame e finalmente resultou gañador. A entrega de premios celebrouse como dixemos este 21 de abril nun evento celebrado na Universidade Carlos III de Madrid. As creadoras do vídeo son Sabela Prada, Noa Vilas e Nerea Martínez, alumnas do colexio Santo Ángel de Ourense. Propoñen a obtención de filamentos para impresión 3D a partir de botellas e envases PET. As rapazas buscaron unha saída á acumulación de plástico, en particular nos parques empresariais e tecnolóxicos, que consiste nun sistema de recollida e almacenaxe de botellas e envases e a súa conversión en láminas, que se poderían destinar como material para imprimir en 3D. Segundo os seus datos, dunha botella poden extraerse 30 gramos de filamento.
Os outros dous grupos finalistas representaban ao Parc Científic Tecnològic i Empresarial de la Universitat Jaume I de Castelló e ao Parque Científico Universidad Carlos III de Madrid – Leganés Tecnológico.
O vídeo de tres estudantes galegas imponse no concurso nacional de Ciencia e Tecnoloxía en Feminino
Compartir Este Artigo

