
Ás súas costas os estudantes teñen cinco meses de competición ao abeiro do dito desafío organizado pola empresa Hewlett Packard Enterprise (HPE). A cita será a este sábado, cando ás 14.00 horas arrinque o hackathon devandito, que terá unha duración de 24 horas ininterrompidas nas oficinas do grupo HPE en Las Rozas de Madrid.
Con esta competición a compañía busca “identificar e desenvolver talento novo, apostando por unha versión innovadora e avanzada dos tradicionais hackathons”.
O tema principal dos retos e probas que os equipos tiveron que ir superando dende novembro é unha cidade do futuro chamada Anthem. Ao longo das tres fases que conforman o HPE CDS Tech Challenge, as e os participantes foron coñecendo esta cidade do ano 2051, contribuíndo a mellorar a súa contorna e aprendendo a empregar a tecnoloxía para crear un mundo mellor.
O equipo Zamburiñas
O equipo Zamburiñas da UVigo está formado por Pablo Cores, Daniel López, Alejandro Mateo Costa, Nicolás Sousa e Javier Bilbao. Para os cinco membros do equipo, que cursan 2º do grao en Enxeñaría de Tecnoloxías da Telecomunicación, esta é a primeira vez que participan nunha competición deste tipo, “non temos ningunha experiencia en hackathons nin en concursos similares, pero decidimos participar para aprender algo novo, vivir unha experiencia e, un pouco, por ocupar o tempo que tiñamos fóra da carreira”.
Os estudantes da UVigo que forman parte de Zamburiñas deberán medirse aos equipos Overflow, da Universidade de Santiago de Compostela; Sudo Team, da Universidade Europea de Madrid; Programmatori Team, da de León e EboraFuture, de Castela a Mancha. En total serán 21 os estudantes que competirán pola vitoria final que lles permitirá obter premios entre os que se inclúe un programa de bolsas para traballar no grupo HPE.
Cinco meses de competición
HPE CDS Tech Challenge dividiuse en tres fases. A primeira, desenvolvida entre os meses de novembro e febreiro, consistiu en superar catro probas orientadas ao mundo do desenvolvemento de software, a algoritmia e a lóxica, para conseguir as chaves da cidade do futuro. Nesta fase participaron 246 estudantes, divididos en 58 equipos de 19 universidades.
Para a segunda fase clasificáronse 71 estudantes de 16 equipos procedentes de 11 universidades. Durante o mes de marzo tiveron que resolver un conflito da cidade Anthem mediante o uso de habilidades técnicas. De entre eles, saíron os cinco equipo que agora se medirán na final.
Equipos da UVigo e a USC compiten nun hackathon de HPE para deseñar a cidade do futuro
Compartir Este Artigo

