O Consello da Cultura Galega e o Concello do Barco de Valdeorras rematan este venres 22 de abril a difusión do proxecto A camisa, a adaptación sonora do texto dramático escrito por Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras, 1922-Madrid, 1994) que retrata o drama da emigración. A ficción en formato podcast foi feita por A quinta do Cuadrante, a partir da tradución que Ramón de Valenzuela elaborou do texto orixinal. Este proxecto serviu para conmemorar o centenario do nacemento de Lauro Olmo e o sesenta aniversario da estrea da peza.
Tito Asorey foi o encargado de dirixir a ficción sonora na que participaron Melania Cruz, Josito Porto e o propio Asorey, entre outros. O proxecto foi presentado o pasado 25 de marzo no concello ourensán pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o alcalde, Alfredo García; a concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta, e mais unha das actrices da ficción sonora, Melania Cruz.
Chus Silva foi a encargada da parte técnica da sonorización, que permitiu crear “un espazo sonoro evocador”, destacouse na presentación.
O elenco artístico estivo formado por Melania Cruz (Loliña, Lola), María Costas (avoa) Josito Porto (señor Paco, Ricardo), Nacho Castaño (Nacho, Sebas), Vanesa Sotelo (Muller, María), Tito Asorey (Xan, Tío Marabillas) e Davide González (Agostiño, Lolo). Rosa Moledo foi a responsable da asesoría lingüística.
A emisión dos capítulos comezou o pasado 25 de marzo, desde a web do CCG e as súas redes sociais. Cada venres foise emitindo un novo episodio ata este venres 22 abril, data en que se completa o proxecto.
O CCG conclúe a emisión dos podcast de A camisa
Compartir Este Artigo

