Álvaro Michelena, investigador do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, recibiu este mes de abril un importante recoñecemento polo seu traballo Aprendizaxe intelixente federado aplicado a sistemas automáticos para instalacións de control de fluído. Concretamente, resultou gañador na categoría Traballos Fin de Máster na segunda edición dos Premios Cátedra EMALCSA-UDC. O pasado 1 de abril o xurado determinou de forma unánime a calidade do traballo presentado polo investigador do CITIC.
O tribunal, formado polos membros do comité científico-técnico da devandita Cátedra, destacou o “excelente análise que realiza dunha solución con capacidade para simplificar as tarefas de identificación e control de niveis líquidos, permitindo detectar anomalías en tempo real: fallos en sensores, fugas, etc.”.
O premio de 1000 € ten como obxectivo potenciar este tipo de traballos para achegar o ámbito académico á sociedade, especialmente o coñecemento e importancia dos diferentes eidos relacionados coa xestión da auga no contexto da área metropolitana.
O investigador do CITIC Álvaro Michelena, recoñecido nos Premios Cátedra EMALCSA-UDC
Compartir Este Artigo

