Localmente Lucense celebrará este venres, día 29 de abril, o Día Mundial do Emprendemento, unha efeméride que se conmemora internacionalmente neste mes para dar visibilidade e fomentar o espírito emprendedor e innovador. Será no CEI Nodus en horario de 11:00 a 19:00 horas. Será, segundo fixo saber a rexedora Lara Méndez, “unha xornada aberta á cidadanía”, na que haberá mesas redondas, música en directo, foodtrucks, un photocall interactivo e un certame de proxectos emprendedores.
O evento, organizado dende a área de Desenvolvemento Local e Emprego que dirixe a concelleira Ana Abelleira, enmárcase no Plan de fomento do Emprendemento e consolidación empresarial posto en marcha polo executivo de Lara Méndez. A programación, que se desenvolverá ao longo do día, contempla a primeira edición do concurso Elevator Pitch Localmente Lucense Desafío Emprende 2022.
Poderán participar tanto os proxectos de empresa, presentados por unha ou varias persoas físicas promotoras (non se admitirá máis dun proxecto de negocio por persoa ou grupo); como empresas en funcionamento produtoras de bens ou servizos. As inscricións para este certame estarán abertas ata as 13:00 horas do xoves, 28 de abril, a través do correo info@localmentelucense.gal.
O xurado seleccionará 9 proxectos que son os que pasarán á fase final e que se presentarán o día 29 de marzo de 16:00 a 17:30 horas durante o evento. Valorarase a innovación e o compromiso social e medio ambiental no desenvolvemento de ideas e proxectos, entre outros aspectos.
Ademais, establécense premios para aqueles proxectos que alcancen as 3 maiores puntuacións: 1º Premio de 1.250 €; 2º Premio de 750 €; e 3º Premio de 500 €. Este importe será o valor dun Pack Emprendedor que se poderá investir en comercio local ou en servizos de establecementos adheridos ao movemento Localmente Lucense.
Programa do Día do Emprendemento
-Venres, 29 de abril, de 11:00 a 19:00 horas no CEI Nodus (avda. da Coruña 500)
11:00 h. Benvida e explicación.
11:10h. Lectura de Manifesto.
11:30h. Mesas redondas (encontros de 30 minutos) das seguintes temáticas: Emprender no s. XXI, Emprendedoras Empoderadas, Innovación e Tendencias, O fracaso como parte do éxito e Superpoderes do emprendedor/a.
14:00h. Gastro-Paradas.
16:00h. Concurso Elevator Pitch LocaLmente Lucense, Desafío Emprende 2022. Competición de presentación de proxectos. (prazo límite de admisión de proxectos o 28/04/2022 ás 13:00 h).
17:30h. Música en directo sesión DJ Dr. Think, acompañado do saxofonista Mike Rolling.
17:30h. Photocall interactivo LocaLmente Lucense que une arte e tecnoloxías.
18:30h. Entrega de premios do certame.
18:50h. Despedida e clausura.
Localmente Lucense celebra o Día do Emprendemento cunha manchea de actividades en aberto
Compartir Este Artigo

