Este 28 de abril celébrase a igualdade no ámbito tecnolóxico e o derrubamento de todos e cantos prexuízos e ideas preconcibidas colaboraron (en negativo) para que hoxe en día haxa tantas mozas que prefiren non optar polo ámbito TIC profesional. En concreto, conmemórase a décima edición do Día das Rapazas nas TIC, cuxa edición galega vén novamente da man do CESGA e da Secretaría Xeral de Igualdade, contando (entre outras entidades colaboradoras) co apoio do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática, de AMTEGA, das nosas tres universidades ou de Puntogal. A celebración no CESGA (e nunha manchea de centros educativos conectados por multiconferencia) inclúe un coloquio virtual con catro galegas que traballan nas TIC para estudantes de Primaria e Secundaria, de 11 a 13:30 horas. Conectaranse máis dun milleiro de estudantes de 23 centros.
O acto será inaugurado pola directora de GAIN (Axencia Galega de Innovación) e presidenta do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), Patricia Argerey; e contará coa intervención da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.
A actividade consistirá nunha multiconferencia web na que participarán catro profesionais galegas que contarán, dun xeito ameno e polo miúdo a súa traxectoria, no que traballan, e o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos para mellorar a vida de todas e todos. Desde os centros, as rapazas e rapaces de Primaria e Secundaria poderán enviar as súas preguntas e inquedanzas en directo para poder ter ese diálogo directo con elas. Tamén, de forma presencial e ao remate do coloquio, un grupo de estudantes de primaria do Colexio Pío XII de Santiago realizará unha visita guiada polo CESGA (Avenida de Vigo. Santiago) e ao novo superordenador Finis Terrae III e participarán nalgunha actividade complementaria.
Participarán nunha mesa redonda, moderada pola coordinadora da área e-learning do CESGA, María José Rodríguez Malmierca, catro destacadas tecnólogas galegas que traballan e investigan en ámbitos relacionadas coas novas tecnoloxías, desde perspectivas moi distintas: Laura Martínez, Edita de Lorenzo e Lucía Ardao, que estarán de forma presencial, e Dhaunae de Vir, que se conectará desde Bruxelas.
O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha celebración a nivel internacional, orientada a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das novas ferramentas informáticas para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.
– Laura Martínez Calvo é unha licenciada en Farmacia pola USC, Máster en Investigación Biomédica e Doutora en Medicina Molecular cun traballo sobre técnicas xeoestadísticas no estudo de enfermidades complexas, en colaboración coa Harvard Medical School (Boston). Investigadora da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS) no eido da xenética en cancro e enfermidades raras, incorporouse como Técnica Superior de Proxecto á iniciativa EuroCC: National Competence Centres in the Framework of EuroHPC no Centro Supercomputación de Galicia (CESGA).
– Edita de Lorenzo é profesora titular del Departamento de Teoría da Sinal e Comunicacións de UVigo. Foi a primeira directora dunha escola de enxeñaría de Galicia, a de Telecomunicación da UVigo. Ademais é vicedecana do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) e vicepresidenta da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) e secretaria da xunta directiva da Asociación PuntoGal, amais de participar na Unidade de Muller e Ciencia de Galicia e no Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 da UVigo. Tamén é co-fundadora da sección española do WIE (Women in Engineering), que forma parte do IEEE.
– Dhaunae de Vir é oriúnda dos Ancares, pero actualmente reside en Bruxelas traballando como desenvolvedora de negocio de proxectos transmedia para unha empresa de videoxogos, Paradox Interactive. É especialista en eSports e conta cun Máster en Xestión e Marketing de Esports pola Universidade Europeia de Lisboa. É deseñadora de futuros certificada polo Institute for the Future de Palo Alto. Está titulada en Intelixencia Artificial pola Universidade de Oxford e en Transformación Dixital polo MIT. Amais de ser embaixadora das asociacións WomenTech Network e Women in Games, está a preparar a súa tese de Intelixencia Artificial para o Máster de Xestión Tecnolóxica da Open University.
– Lucía Ardao é Licenciada en Informática e Máster en Telemática pola Universidade da Coruña, programa de Alta Dirección AMP da IE Business e programa Executiva da Xunta de Galicia. A súa traxectoria profesional está vencellada a empresas do sector das Tecnoloxías da Información e as Telecomunicacións (TIC), desde spin-offs a empresas de software e consultoras, ocupando distintos postos de dirección rexional e corporativa, de unidades de negocio e operacións. Actualmente é directora de Galicia e directora de Operacións do Mercado Global de Industria e Consumo en Minsait (Indra). Premiada polo Colexio Oficial de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG) pola súa traxectoria profesional.
Efeméride do ámbito internacional
O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha efeméride de ámbito internacional para motivar ás novas xeracións de mozos e mozos a considerar as novas tecnoloxías da inforamción para o desenvolvemento académico, investigador e profesional. O evento conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-GAL), a Asociación.GAL, a Facultade de Ciencias da Educación, Woman Emprende e a Oficina de Igualdade da USC, a Facultade de Informática da UDC, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da UVigo e grupos de mulleres tecnólogas en Galicia como GalsTech e Hello Sisters!
Desde 2012, o CESGA coordina o Proxecto Europeo ICT-Go-Girls!, Promoting Entrepreneurship among secondary School Girls through ICT (Promoción do emprendemento das rapazas de secundaria a través das TIC), que deseñou e testou unha metodoloxía innovadora para loitar contra a escaseza de vocacións tecnolóxicas entre as rapazas europeas. Esta acción foi completada coa iniciativa galega Rapazas Emprendedoras Nas TIC, na que colabora o CPEIG no marco do Plan Proxecta da Consellería de Cultura, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Igualdade, dirixida ás rapazas de primeiros anos de secundaria.
Todo listo para a celebración do Día das Rapazas nas TIC no CESGA e nos nosos centros educativos
Compartir Este Artigo

