O Consistorio de Santiago acolleu este luns 2 de maio a presentación da segunda convocatoria do festival cultural O que non se escribe. Arquivos sonoros e creación contemporánea, destinado a reivindicar a riqueza das nosas gravacións e a celebrar as posibilidades de conservación, difusión e experimentación que abren as novas tecnoloxías. O certame está dirixido por Aitana Cuétara, de Luneda Producións, e conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Na presentación o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, fixo saber que o evento é “unha nova oportunidade de acoller, agradecer e poñer en valor a cultura e a fala populares, as das persoas que preservaron e preservan a lingua propia de Galicia para as novas xeracións”.
Este programa propón distintas actividades de aprendizaxe e experimentación sobre o patrimonio sonoro galego do xoves 12 ao domingo 15 de maio. Porá o foco nos arquivos sonoros e a creación contemporánea a través dun programa que ofrece singulares propostas de música ao vivo, pero tamén espazos de debate, divulgación, activismo cultural e aprendizaxe.
A xeito de novidade nesta edición poderanse escoitar sete arquivos recollidos da tradición oral de sete lugares polos que pasan os diferentes Camiños de Santiago. Esta intervención guiará aos participantes a través dun mapa por diferentes puntos da cidade onde atopar tesouros sonoros en forma de fragmentos de música tradicional aos que se pode acceder a través de códigos QR e os teléfonos móbiles. Toda a información poderase consultar na web do festival e as entradas estarán dispoñibles, para os concertos no Teatro Principal e na sede da SGAE, na páxina Compostela Cultura, mentres que para os concertos da Casa das Crechas, poderán adquirise a través de enterticket.
O festival O que non se escribe desvelaranos tesouros sonoros de Santiago cos novos móbiles
Compartir Este Artigo

