Sen dúbida entre os recursos máis destacados dos que podemos botar man para tomar as mellores decisións nos negocios atópase a ferramenta Power BI, unha solución formada por un conxunto de ferramentas que permiten obter datos de moi diversas fontes, integralos e convertelos logo en información útil e rendible que pode ser compartida en eficaces ferramentas de visualización e colaboración. Esta solución está na base do curso Microsoft Power BI: Modelado e Análise de Datos, oitava edición, que ofrece a consultora Vitae. Serán 20 horas de contidos a desenvolver os días 6, 7, 8, 9, 13, 14, 15 e 16 de xuño.
Segundo explica Vitae, esta actividade formativa ten por obxectivo introducir aos asistentes no manexo da ferramenta de Business Intelligence Microsoft Power BI. “A partir de diferentes orixes de datos aprenderemos a crear auténticos cadros de mando que nos axudarán na toma de decisións”, sinala a consultora, poñendo o foco nas posibilidades complementarias do Power BI Dekstop como método de axuda para obter a información, analizala e representala graficamente. “Arrincaremos cunha introdución á Intelixencia nos Negocios e coñeceremos todo o contorno Power BI (dekstop, servizo, aplicacións móbiles) e faremos as primeiras transformacións sobre un proxecto rematado para familiarizarnos co programa, e deste xeito, ter un enfoque global que nos servirá para debuxar o camiño na formación”, sinala Vitae debullando o que sería a introdución do curso, que abordará de cheo cuestións como a integración de datos con Power Query; a creación de gráficas, tarxetas, mapas ou visualizacións, ou as metodoloxías para compartir os informes creados e crear apps de visualización.
O curso será impartido por Juan Naya, enxeñeiro industrial e profesional con máis de 10 anos de experiencia en postos de responsabilidade dentro das áreas de produción, planificación e loxística. Trátase dun experto en materia de datos e xestión. Na actualidade ofrece solucións profesionais a medida e formacións de alto valor engadido das principais ferramentas de análise da información de Microsoft, como Excel e Power BI. Entre as empresas e entidades que asesorou ou formou atópanse Inditex, o Grupo Profand, a Autoridade Portuaria de Avilés, o Grupo Pérez Rumbao, Inturasa, Galuresa, EimSkip, Altrans, Televés, CivisGlobal, Todos Gómez ou Grupo Babé Logística. Está certificado por Microsoft como Microsoft Excel Expert e Data Analyst Associate.
Os segredos da ferramenta de intelixencia nos negocios Power BI centran un curso de Vitae
Compartir Este Artigo

