O Goberno vai impulsar a blindaxe das administracións locais contra as principais ameazas dixitais, e a nosa terra formará parte deste obxectivo. Así o fixeron saber este xoves 19 de maio a ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, e máis o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. Segundo informaron, o Executivo financiará centros de ciberseguridade nas sete cidades galegas dentro dun plan de dixitalización de máis de 3,6 millóns de euros para a nosa Comunidade.
Nunha rolda de prensa celebrada na sede da Delegación do Goberno en Galicia, Rodríguez informou de que 145 entidades locais de toda España recibirán fondos para desenvolver os seus proxectos de dixitalización por un importe de 89,4 millóns de euros. “O noso obxectivo é facer intelixente ao Estado no territorio con vistas a facer a vida máis fácil ao cidadán”, destacou a ministra portavoz.
Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, valorou que con estas subvencións “o Goberno transforma e dixitaliza as administracións locais que dan servizo a un terzo da poboación de Galicia”.
Segundo explicaron, as subvencións concedidas a concellos galegos ascenden a 3.676.347,82 euros, o que supón o total do importe solicitado. Estes fondos canalizaranse a través do Ministerio de Política Territorial. Rodríguez e Miñones explicaron que a actuación máis relevante será a despregadura de centros de operacións de ciberseguridade en todos os concellos de máis de 50.000 habitantes: Vigo, Santiago, A Coruña, Ourense, Pontevedra, Ferrol e Lugo.
Máis detalles do plan
O Plan de Recuperación do Goberno impulsa a implantación de centros de operacións de ciberseguridade nas cidades de todo o ámbito estatal e a súa integración na rede nacional de centros de operacións de ciberseguridade. Desta maneira, o Executivo busca “incrementar a protección e a resiliencia das redes e os sistemas de información e comunicacións do sector público e dos servizos esenciais, para previr ciberataques”. Á vez, “promove a Cultura e o compromiso coa ciberseguridade e potenciación das capacidades humanas e tecnolóxicas”.
As contías outorgadas gardan relación co número de habitantes. En concreto, Vigo recibe máis dun millón de euros (1.084.686,76 euros) para financiar catro proxectos. Ademais do centro de ciberseguridade, o máis destacado é o de modernización e mellora da infraestrutura de proceso de datos do Concello, por máis de 600.000 euros.
A Coruña obtén preto dun millón (921.112 euros) para dous proxectos, o que permitirá ao Consistorio implantar operacións intelixentes nos servizos dixitais municipais.
No municipio de Ourense, o Goberno subvenciona tres proxectos por un importe próximo a 400.000 euros. Os fondos destínanse, entre outras melloras, a equipamento para teletraballo.
Pontevedra recibe preto de 310.000 euros e ten previsto despregar unha infraestrutura de robotización de procedementos administrativos. O Concello pontevedrés tamén aproveitará os fondos para renovar a súa rede.
O Concello de Lugo, pola súa banda, obtén máis de 366.000 euros cos que poderá modernizar a rede Wi-Fi municipal e dotarse de dispositivos dixitais, entre outras melloras.
En todo o país, os municipios con máis de 50.000 habitantes ou capitais de provincia que presentaron proxectos para a dixitalización e modernización das entidades locais son 145. “En Galicia benefícianse todos os concellos posibles”, engadiron Rodríguez e Miñones.
O Goberno despregará centros de ciberseguridade nas nosas sete grandes cidades
Compartir Este Artigo

