O Concello da Coruña anunciou un investimento de cinco millóns de euros para promover infraestruturas intelixentes e a análise de información a gran escala (Big Data) en máis de 200 edificios da cidade. Isto materializarase a través do proxecto Conecta Coruña, que se atopa neste intres en fase de licitación e que ten programado mobilizar solucións tecnolóxicas en instalacións aeroportuarias, portuarias e a futura estación intermodal da cidade.
Conecta Coruña, un dos beneficiarios da Convocatoria de Edificios Intelixentes promovida por Red.es, desenvolverase a través da Concellería de Economía, Facenda e Réxime Interior, contando con fondos europeos FEDER. Ten como cometido inicial actuar en 213 edificios repartidos polos barrios da cidade.
Están incluídos na listaxe inmóbeis de titularidade pública e privada destinados a usos administrativos, comerciais, culturais, educativos, deportivos, asistenciais e tamén residenciais. Serán 148 edificios municipais; 41 edificios autonómicos; 12 edificios provinciais; 9 edificios estatais; e 3 edificios de uso privado.
A un nivel máis específico, Conecta Coruña abrangue actuacións no interior dos edificios e espazos de convivencia, instalando sensores físicos e virtuais e cámaras de Visión Artificial ideadas para o control de capacidades; contadores de auga intelixentes para optimizar o consumo de recursos hídricos (e detectar, ademais, previsións de limpeza nas redes de saneamento); sensores de luz para examinar a calidade luminosa e valorar o axuste automático da iluminación; e tamén sensores de gas radon para dispor dunha medición continua nos inmóbeis, mitigando así os riscos para a saúde.
Outro dos obxectivos de Conecta Coruña é mellorar os sistemas de seguridade e evacuación para reducir danos persoais e materiais no caso hipotético de producirse situacións de emerxencia, “dando unha resposta máis áxil na transmisión de avisos, que tamén partirán a través de sensores intelixentes para mobilizar, a continuación, aos servizos de Policía, Bombeiros, ambulancias e Cruz Vermella”, sinalou o concelleiro José Manuel Lage na presentación das liñas de traballo do proxecto, engadindo que o modelo abrangue tamén a explotación de nodos IoT (Internet das Cousas), infraestruturas concibidas para recopilar información de utilidade procedente dunha rede de sensores repartidos por toda a cidade, que almacenan datos de interese para a súa posterior posta en valor. Por exemplo, os niveis de contaminación atmosférica a diferentes alturas; información meteorolóxica como a velocidade do vento, temperatura, humidade ou acumulación de chuvias; e información do consumo de servizos como a enerxía eléctrica, auga e gas.
“Ademais”, sinalou Lage, “a posta en marcha do proxecto contribuirá a impulsar solucións e actualizacións de software en instalacións aeroportuarias, portuarias e a futura estación intermodal da cidade, na que o Concello investirá 14 millóns de euros e onde Conecta Coruña axudará a favorecer o fluxo de información entre os distintos organismos de transporte”.
Conecta Coruña vén cun investimento de 5 millóns e o obxectivo de facer intelixentes máis de 200 edificios
Compartir Este Artigo

