
Ao acto asistiron, ademais de varios académicos da RAGC, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; a conselleira do Mar, Rosa Quintana; o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da Universidade de Vigo, María Isabel Doval; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernádez Freixanes, entre outras autoridades.
Carlos Pajares agradeceu á Academia a súa inclusión como académico de honra. No seu discurso preguntouse a si mesmo e aos presentes sobre os porqués de que a natureza sexa simple e bela e engadiu: “Unificar a diversidade de fenómenos que se dá na natureza foi unha constante nos avances da ciencia e na historia da mesma houbo grandes unificacións que deron lugar a grandes avances científicos e algunhas tamén a profundas consecuencias sociais e económicas. Pódese dicir que o primeiro gran unificador foi Newton ao darse conta de que a caída dunha mazá dunha árbore rexíase pola mesma lei que as órbitas dos planetas ao redor do Sol, propondo a lei da gravidade e ao mesmo tempo formulando as leis que debían cumprir todos os movementos”. Resaltou que a obra de Newton tivo unha repercusión enorme, mesmo en territorios aparentemente afastados, como o da Economía, no sentido da unificación de fenómenos, como a unificación dos intercambios comerciais mediante o principio do equilibrio entre a oferta e a demanda.
Pajares apuntou que “a simetría na natureza foi fonte de inspiración da humanidade ao longo de toda a súa historia, fóra da ciencia”. A modo de exemplo, referiuse á arquitectura e á escultura de Grecia, onde se acuñou a definición da beleza. Tamén citou a cultura árabe, a través dás súas mesquitas, palacios e xardíns. E, por último, mencionou á música, en particular a de Johann Sebastian Bach, que pola súa estrutura, as súas proporcións, contrapunto e beleza asociouse ás matemáticas.
“A procura da simetría levounos ao coñecemento da evolución do Universo, onde se relaciona o máis pequeno e o máis grande. O Universo pasou por toda unha serie de etapas, un proceso no que a medida que o tempo transcorre vaise rompendo a simetría orixinal. O dar marcha atrás, investigando as primeiras etapas da evolución, é en gran medida buscar a simetría perdida”, indicou ou homenaxeado, engadindo que “a procura desta simetría está a permitir na actualidade aplicacións revolucionarias como a computación cuántica”.
Carlos Pajares salientou tamén que “a realidade fainos constatar que o proceso da investigación é profundo, e canto maior coñecemento temos máis xanelas e horizontes se nos abren que nos fan preguntarnos máis e máis, mostrándonos o noso descoñecemento da realidade. Os científicos experimentamos en maior ou menor grao a sensación de achegarnos ao misterio da natureza e ao da nosa existencia. Asombrámonos e marabillamos fronte á inmensidade e diversidade e as leis do Universo, que na medida que se van descubrindo revélase a súa sinxeleza e beleza”.
Un pouco de biografía
Carlos Pajares Vales (Madrid, 1945) é profesor e investigador no campo da Física de Partículas, en particular no da materia a alta densidade e/ou temperatura e interaccións entre hadróns e núcleos. Na actualidade é profesor emérito da Universidade de Santiago. Ao longo de máis de catro décadas influíu no desenvolvemento deste eido, a través das súas ideas, concretadas en publicacións, na súa participación activa en conferencias, así como na posta en marcha do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago, amplamente recoñecido no ámbito internacional.
Doutorouse en 1971 na Universidad Complutense de Madrid con premio extraordinario. Foi investigador posdoutoral na Universidade de París XI (Orsay) e na Universidade de Washington en Seattle. Posteriormente foi profesor na Universidad Autónoma de Barcelona e na de Santiago de Compostela. Durante varios meses foi investigador nos laboratorios nacionais americanos de Argonne e Brookhaven, no británico Rutherford, no CERN (Centro Europeo de Física de Partículas) de Xenebra e no Institute of Nuclear Theory de Seattle. Ten pronunciado conferencias en diversos centros e universidades de Europa, Asia e América.
Publicou 310 artigos en revistas de recoñecido prestixio, realizou máis de 60 contribucións a congresos, 10 reviews, publicou 3 libros e editou outros 5, sendo as súas publicacións frecuentemente citadas. Tamén realizou un importante labor de divulgación, con numerosas conferencias, 2 libros, 17 artigos en revistas científicas e innumerables artigos en xornais (El País, ABC, El Mundo, El Correo Gallego, La Voz de Galicia, Faro de Vigo…). En 1994 recibiu o Premio de Divulgación Científica da Xunta de Galicia.
Títulos e recoñecementos
Entre as súas distincións, Carlos Pajares foi galardoado coa Medalla de Ouro 2000 da Real Sociedad Española de Física, o Goberno francés nomeouno Cabaleiro das Palmas Académicas en 1994, foi Premio de Investigación de Galicia en 2007, é Doutor Honoris Causa pola Universidade Técnica de Lisboa (2011) e pola Universidade de San Petersburgo (2013).
Ten realizado numerosos labores de xestión universitaria e de política científica. Foi reitor da Universidade de Santiago e primeiro decano da Facultade de Física da USC. Participou e foi membro de numerosos comités científicos nacionais e internacionais. Foi un dos redactores do Plan Movilizador de la Física de Altas Energías en 1983, clave para o desenvolvemento deste campo en España e modelo para plans nacionais doutros eidos. Durante os anos 2008-2012 foi delegado científico de España no CERN e membro do comité de avaliación da situación neste campo de diversos países solicitantes para entrar nesta organización, así como do comité de ampliación xeográfica e científica do CERN. Entre 1993 e 1996 foi asesor da OEIA (Organismo Internacional de Enerxía Atómica).
Carlos Pajares é vicepresidente da Real Sociedad Española de Física. Foi membro do Consello Universitario de Galicia (1997-2012). Na actualidade forma parte do comité editorial de varias revistas internacionais de Física de Partículas.
O profesor Carlos Pajares ingresa como académico na RAGC
Compartir Este Artigo

