A Deputación de Pontevedra, por medio do programa de formación tecnolóxica SmartPEME, achega neste punto de inflexión entre maio e xuño cinco novos obradoiros impartidos de xeito online e presencial e abeirados á carteira de obradoiros para pequenas e medianas empresas, persoas autónomas e cidadanía en xeral. As accións tratarán temas como o debuxo 3D con Onshape e PartStudio, os usos da rede social TikTok para empresas, os novos modelos de negocio, a ciberseguridade ou a fabricación dixital con Laminador Cura.
O martes 31 de maio pola mañá, Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, impartirá a cuarta parte dos obradoiros sobre fabricación dixital. Nestes cursos en formato mixto, combínanse clases en liña e prácticas presenciais no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro. O curso Fabricación dixital. Debuxo 3D con Onshape IV – Partstudio IV, ten como obxectivo familiarizar aos asistentes coas ferramentas da produción dixital.
Pola tarde, a licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, María Aller, mostrará no taller Como usar TikTok na túa empresa, como sacarlle partido á túa marca a través dunha das plataformas máis populares do momento.
O mércores pola mañá, José Luis Taboada, enxeñeiro informático con máis de 20 anos de experiencia, ensinará os pasos a seguir para que unha idea se converta nun negocio, no obradoiro Consideracións á hora de crear o meu modelo de negocio.
O xoves, na quenda de mañá, mediante a ferramenta Zoom ou de xeito presencial no Edificio Administrativo da Deputación, desenvolverase o curso Seguridade no comercio electrónico. Por onde comezamos?, un obradoiro impartido polos técnicos de Ednon en colaboración co Nodo Galego de Ciberseguridade, no que se resaltará a importancia da seguridade na creación de tendas en liña, detección de ameazas ou coñecemento dos danos que poden causar os problemas de seguridade nun negocio.
Esta semana de obradoiros rematará a mañá do venres 3 de xuño co curso Fabricación dixital. Laminador cura II, un novo itinerario de fabricación dixital que complementa unha primeira parte xa impartida, e no que se combinan clases en liña e prácticas presenciais no Fab Lab de Barro, co obxectivo de que o alumnado teña contacto real con este tipo de tecnoloxías e sexa capaz de deseñar e fabricar unha peza en 3D. Esta acción formativa será impartida tamén por Manuel Freire.
O deseño 3D, a ciberseguridade e a fabricación dixital centran os novos obradoiros de SmartPEME
Compartir Este Artigo

