A aplicación Milanuncios, destinada a favorecer a compravenda de produtos usados entre os internautas, achegou os datos do seu balance anual de información sustentable. No relativo a Galicia o informe sinala que fomos quen de aforrar en 2021 preto de 98.000 toneladas de CO2 grazas a este tipo de comercio en liña. O motor foi a categoría que máis impacto ambiental reduciu o ano pasado, tanto en Galicia como a nivel nacional. No balance destácase que a compravenda online de produtos de segunda man “convértese nunha importante fonte de aforro ambiental”.
Como cada ano, a aplicación móbil Milanuncios presentou o seu estudo sobre O Efecto Ambiental da Segunda Man 2021, elaborado polo Instituto de Investigación Ambiental de Suecia (IVL) e a consultora especializada en medioambiente Ethos International. Segundo esta investigación, a segunda man aforrou en España no ano 2021 máis de 1,4 millóns de toneladas de CO2, un dato que é un 18% superior en comparación co ano pasado.
Galicia comprometida coa segunda man
En 2021, o mercado de segunda man xerou en Galicia unha redución de 97.972 toneladas de CO2, 6.247 toneladas de plástico, 48.874 toneladas de aceiro e 4.161 toneladas de aluminio. Así pois, a comunidade atópase no posto 5 do ranking estatal de aforro de emisións, liderado por Andalucía (370.042 toneladas), a Comunidade de Madrid (154.717 toneladas), Catalunya (148.680 toneladas) e a Comunidade Valenciana (136.933 toneladas).
Se atendemos á clasificación de contribución por habitante, cada galego reduce 36,34 kg de CO2, 18,13 kg de aceiro, 2,32 kg de plástico e 1,54 kg de aluminio. Lideran a clasifiación Estremadura (43,78 kg por habitante), Andalucía (43,68 kg/habitante), Navarra (40,95 kg/habitante) e Castela-A Mancha (37,92 kg/habitante).
A categoría de motor é, tanto en España como en Galicia, a que xera un maior aforro ambiental. En Galicia, as transaccións incluídas nesta categoría xeran un aforro de 94.654,7 toneladas de CO2 e a nivel nacional 1.407.391 toneladas de emisións deste gas contaminante.
En Galicia, séguelle a categoría de casa e xardín cun aforro de 1.597,4 toneladas, informática (806,1 toneladas), deportes e náutica (314,4 toneladas) e telefonía (231,4 toneladas).
A nivel nacional, algúns outros produtos de segunda man que destacan polo seu aforro ambiental son: os computadores portátiles, cun aforro medio por produto de 350 kg de CO2, bicicletas, cun aforro de 100 Kg de CO2 por unidade, e os smartphones de Apple, iPhone, que aforran 47 kg de CO2 por dispositivo.
Os galegos aforramos preto de 98.000 toneladas de CO2 grazas á segunda man, segundo a app Milanuncios
Compartir Este Artigo

